Creación voluntaria
Proposta de composición de coplas de entroido (sermón de entroido) para difundir.
Propoñemos crear e presentar dalgún xeito textos que se sitúen na liña das formas e do sentido do entroido popular. As estrofas serán cantigas (4 versos octosílabos con rima nos pares) ou romances. O traballo pódese realizar individualmente, en parellas ou en grupos de 3 / 4 integrantes. Nestes últimos casos, a composición podería adoptar tamén a forma de regueifa.
As condicións son as seguintes:
- Transmitirase unha perspectiva crítica da sociedade actual (en relación co neoconservadorismo, co capitalismo, co uso das tecnoloxías, co belicismo..., mais non respecto dunha persoa ou colectivo determinados). En todo caso, a intención non será moralizante, senón carnavalesca.
- Crearanse como mínimo vinte versos por persoa participante.
- Os versos incluirán algúns recursos propios da poesía crítico-burlesca: equívocos e xogos de palabras, ironía, antítese, etc.
- Terá un formato que permita que a creación se poida partillar no instituto durante o entroido: en cartaz, en vídeo, en audio gravado e/ou representábel, etc.
Complementos
1. O sentido da festa.
O entroido é orixinariamente un rito de transición e saída do inverno. Rende homenaxe ao ciclo da vida para favorecer a chegada da primavera, estimular a fecundidade humana, animal e da terra. Festexa así a pervivencia e a xa próxima renovación, a rexeneración nosa e do mundo. Ese espertar e ese carácter benefactor que se persegue represéntano aínda hoxe, por exemplo, o oso de Salcedo que -desde o inframundo- prové de fertilidade coa cinza, o pucho ribeirao que simboliza a fertilidade ou as chocas de peliqueiros, cigarróns ou felos.

A cristianización do carnaval converteuno na expresión do exceso e na despedida da carne (ata despois da Coresma). Pasará asemade a ser a confrontación entre o ben e o mal, entre a norma e o demoníaco; iso si, desde a sátira e a burla de raíz medieval. Como di Federico Cocho:
“... a festa do Carnaval propiamente dito, co sentido burlesco e parodístico que ten hoxe, é propia do estilo de celebracións lúdicas da Idade Media, etapa histórica na que se configura como contrapeso festivo aos rigores que introduce a Coresma cristiá. Risa, burla, parodia, igualación social, enchentes e toda sorte de bromas e excesos nutren os Carnavais. Pero non se pode negar que determinados ritos pagáns, propios do comezo da primavera e encamiñados a estimular a fecundidade, están incluídos nos Carnavais rurais máis antigos.”
2. Exemplos de cantiga carnavalesca.
En Facenda os inspectores
xa poden dar zapatilla
para coller os peixes grandes
e deixar as sardiñas.
A min faime moita gracia
o favorcismo que nos fan;
outórgannos un tanto por cen
como se lle deran pan ó can.
3. Sitio web e vídeo recomendados.