Produción final
Para integrar os contidos da secuencia, proponse que cada alumno/a relate unha entrevista (un encontro) cunha persoa coñecedora de determinadas campañas sobre as linguas. Esta produción realizarémola ao final da unidade, tras abordar a situación das linguas da península. Nesa altura, achegaranse as indicacións e apoios precisos.
Para facilitar o labor, poderá escollerse como albo do encontro unha persoa coñecida. Mesmo será posíbel organizar por parellas dentro do grupo clase as entrevistas.
Este xénero textual ten como base a charla dunha quedada, dun café, dun almorzo ou doutra situación que facilite a interacción informal entre a persoa entrevistadora e a entrevistada. Inclúe a narración do encontro, a descrición do lugar ou do ambiente, detalles sobre o comportamento durante a entrevista, recolleita en estilo directo e indirecto de declaracións, etc.
En todo caso, para situarse no xénero textual recóllense a seguir un modelo feito por unha alumna.
Café con… Jaissa Obré Machado
"É unha fonte de expresión e comunicación, éo todo para min”
Ester Ros, 14 de xaneiro de 2011
Esta tarde atopeime nunha cafetería do centro cunha adolescente de dezasete anos. A miña curiosidade era saber o que lles preocupa hoxe aos adolescentes. A rapaza chámase Jaissa Obré Machado e véxoa inqueda e leda.
Comezamos tomando un café, descafeinado ela, e eu comezo preguntándolle que é o que máis a apaixona. Os seus ollos brillan automaticamente e responde con seguridade que a música é a súa verdadeira paixón, que non pode concibir a súa vida sen música e que precisamente este ano, no que cursa segundo de bacharelato, a música será o tema do seu traballo de investigación.
Entusiásmame a súa forma de falar e pregúntolle de onde lle vén ese interese pola música. Coa mesma soltura anterior, cóntame que comezou a estudar linguaxe musical con seis anos, aos nove empezou a tocar a guitarra, aos once probou co piano e co violín; e gustáronlle máis as clases de piano. Estas clases espertaron o seu interese polo canto e agora ten a oportunidade, coa investigación, de demostrar o que lle gusta. Encantaríalle dedicarse no futuro á música e poder transformar a súa afección na súa profesión.
A música sempre estivo presente na súa vida, de xeito que non podo evitar preguntarlle qué significa para ela. A súa resposta é sinxela. "É unha fonte de expresión e comunicación, éo todo para min", di sorrindo.
De súpeto, tira do bolso uns auriculares e pregúntame, sorrindo, se quero escoitar o que gravou. O que non sei de principio é que me está a permitir escoitar unha das súas creacións por primeira vez. Coméntame que un amigo seu da escola de música ofrecéuselle para axudarlle a gravar unha maqueta. A letra e a música son súas; sorpréndeme moito e dígolle que se o seu soño é vivir da música, que non deixe de soñar, porque o vai conseguir.