2. A realidade lingüística de Europa

Europa é o continente con menor diversidade lingüística do mundo, mais non por iso deixa de ter todo tipo de casos. O número de idiomas ronda os 130, aínda que nalgunhas fontes elévase a 286. A maioría das linguas pertence á familia indoeuropea e, dentro desta, o 94% ás ramas románica, xermánica e eslava. Uns 40 millóns de europeas/os falan unha lingua que non é a maioritaria ou a oficial do Estado.
Segundo o criterio de número de falantes no territorio do continente, nin o inglés nin o español ocupan os primeiros postos. As linguas máis faladas son o alemán, o ruso e o francés. O inglés é a cuarta lingua (malia funcionar de franca internacional) e o español a sétima. Entre os idiomas con menos falantes están o istriorromanés (900 falantes en Croacia), o córnico (550 falantes en Cornualles, Reino Unido) e o livonio ou o ingrio (practicamente extintos, en Letonia e Rusia). O galego ocupa o posto 38 por número de falantes, por enriba de linguas oficiais da UE como o letón (1,9) ou o estoniano (1,2); entre as máis de vinte románicas, é a novena.
No que respecta á xestión do plurilingüismo nos estados, atopamos:
- Monolingüismo estatal non real ou plurilingüismo non recoñecido: existen varias linguas no Estado, mais só unha é oficial; é o caso de Francia ou de Grecia.
- Plurilingüismo estatal con cooficialidade territorial: existe unha lingua oficial en todo o Estado e, nalgúns territorios concretos, a lingua autóctona é cooficial; é o caso de España.

- Plurilingüismo estatal con oficialidade plena territorial: varias linguas nacionais oficiais cada unha nun territorio; é o que acontece en Bélxica.

- Plurilingüismo estatal con oficialidade igualitaria: en todo o Estado son cooficiais e válidas para todos os usos varias linguas; por exemplo, en Irlanda.
O Consello de Europa aprobou en 1992 a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Nela recoñécese a pluralidade lingüística e declárase que é responsabilidade dos poderes públicos a defensa das linguas minorizadas. Algún dos seus artigos son:
Artigo 12 1. No ámbito público, todo o mundo ten dereito a desenvolver todas as actividades na súa lingua, se é a lingua propia de onde reside.
Artigo 29 1. Toda persoa ten dereito a recibir a educación na lingua propia do territorio onde reside.
O Estado español ratificou esta Carta en 2001. Mais os informes sobre o seu grao de cumprimento indican que non se atende suficientemente: non se garante o uso dos idiomas cooficiais nos procedementos xudiciais, é escasa a presenza destas linguas na administración estatal ou mantéñense as limitacións para o uso do galego no sistema educativo.

Actividades

1. Reflexión tras ver o primeiro dos vídeos da seguinte listaxe.
Lembra cales son as principais formas de xestionar o plurilingüismo nos Estados e considera as implicacións que terá cada caso para os falantes. Garántese de igual xeito a igualdade real? E a supervivencia e saúde das linguas?

  • - Monolingüismo estatal non real: varias linguas no Estado, só unha é oficial.
  • - Plurilingüismo estatal con oficialidade igualitaria: cooficiais varias linguas no conxunto do Estado.
  • - Plurilingüismo estatal con cooficialidade territorial: unha lingua oficial en todo o Estado, outras cooficiais en territorios concretos.
  • - Plurilingüismo estatal con oficialidade plena territorial: varias linguas nacionais oficiais cada unha nun territorio.

2. En grupos de 3-4 integrantes, preparade un dos seguintes contidos (que repartiremos previamente) para permitir que as compañeiras e compañeiros os comprendan e reflexionen sobre eles. A preparación ocupará aproximadamente 30 minutos e a intervención poderá protagonizala unha voceira do grupo ou todos os integrantes.

Deberedes:

  1. Centrar os significados dos termos clave, con todos os matices que se consideren: os contextos, as posíbeis confusións...
  2. Presentar os datos necesarios ao respecto, a partir desta páxina do profesor ou outras fontes fiábeis.
  3. Organizar unha práctica reflexiva que consiga implicarnos aos demais; para iso, pódese empregar algún fragmento textual, algún caso coñecido ou unha pregunta como a que se suxire abaixo.

Contidos e pregunta proposta:

  • Ecolingüismo, supremacismo lingüístico, familias lingüísticas. De que xeito podemos establecer relacións entre a historia e a diversidade interna das familias lingüísticas?
  • Bilingüismo, diglosia, conflito lingüístico. A afirmación errónea desde a perspectiva sociolingüística de que en Galicia existe un bilingüismo social, que implica e que agocha?
  • Conflito lingüístico, lealdade lingüística, substitución lingüística, normalización lingüística. De que xeito o grao de lealdade lingüística dunha comunidade minorizada representa un factor de vitalidade da lingua?
  • Lingua maioritaria, lingua minoritaria, lingua minorizada, lingua hexemónica. Por que se poden dar casos de linguas minorizadas maioritarias?
  • A diversidade lingüística en Europa. Familias e falantes. Que poñen en evidencia o galego e o catalán dentro da UE?
  • A xestión do plurilingüismo en Europa. A Carta Europea de Linguas Rexionais. Que sentido e valor pode ter a Carta Europea nos distintos contextos de xestión do plurilingüismo?

+ Base

CRITERIOS PUNT.: 0,5 - 1 - 1,5 - 2
1. Inclúense os contidos básicos
2. A presentación é clarificadora e precisa
3. A exposición é clara e áxil
4. Promóvese e guíase a reflexión
5. Conséguese que a aula participe
TOTAL:


Complementos

Mapa (ampliábel)

Mapa das Linguas (UNESCO)