As linguas da península ibérica
2. Contraste lingüístico
Na península ibérica áchanse dous tipos de romances:
- Iberorromances: galego-portugués, astur-leonés e castelán.
- Occitanorromances: aranés (gascón, occitano) e catalán.
O aragonés pode considerarse lingua de transición, pois comparte trazos con ambas as pólas.

Catalán
As linguas romances de diferentes subgrupos presentan dificultades para a intercomprensión, agás para persoas con certa formación, polo que podemos atopar non poucos impedimentos na comunicación con quen fale catalán. Como outras linguas occitanorromances, posúe trazos distantes para nós como a perda de vogais finais átonas (llet, fill...). Aínda así, os artigos ou o sistema pronominal son moi semellantes aos do castelán.
Son fenómenos característicos do catalán, por exemplo:
-
- o mantemento das oclusivas xordas sen sonorizar en posición final, tras a perda da vogal (edat, estat...),
- a simplificación do grupo -ND- (segona, manar... [segunda, mandar])
- ou a evolución do L- inicial a ll- (lluita, llengua...).
Aranés
Está moi próximo ao catalán. En xeral o occitano (e en particular o gascón aranés) e mais o catalán comparten fenómenos evolutivos e abondo léxico, bastante máis que co castelán. [No mapa de proximidade léxica que se reproduce abaixo hai unha evidente imprecisión]. Comparemos:
- Totes naishen liures e egaus en dignitat e en dreit (aranés)
– Tots neixen lliures i iguals en dignitat i en drets (catalán)
[Todos nacen libres e iguais en dignidade e en dereitos]
Como trazos propios destacamos:
- o -l final vocalízase: meu (mel)
- ou o -ll- intervocálico deu -r-: era (ela).
Aragonés
Como as iberorromances, ten só tres conxugacións (aranés e catalán, catro), mais posúe pola contra escasos verbos irregulares. Así mesmo, detéctanse no aragonés achegas léxicas e evolucións fonéticas paralelas ás linguas occidentais (tamién, vergüeña...) ao carón doutras máis propias do espazo occitano (nieu, mirallo, minchar... [neve, espello, comer]).
Como trazos particulares, podemos subliñar que:
-
- as oclusivas xordas intervocálicas latinas (-P-, -T-, -K-), que sonorizan en todas as linguas romances da península, mantéñense en certas palabras do aragonés, como ripa ou foratar [pendente, esfuracar];
- mantén, como o catalán e o aranés, os grupos latinos iniciais PL-, CL- FL- (pluja, clau... [chuvia, chave]).
Éuscaro
Lingua non indoeuropea, con procedementos sintéticos moi distintos dos das linguas neolatinas; por exemplo, posúe sufixos equivalentes aos nosos pronomes relativos e interrogativos. En todo caso, influenciou e foi influenciada polos romances ibéricos próximos (castelán, gascón e aragonés). Hoxe en día conseguimos captar e entender sen formación específica determinados termos, como os préstamos que nos achegou (esquerda, aquelarre...), mais só iso.
O substrato vasco é, segundo algúns estudosos, a causa dalgunhas particularidades do castelán. Por exemplo:
- a perda do F- inicial (habla, harina...), que comparte co aranés,
- un sistema vocálico de só cinco fonemas, que tamén teñen simplificado o astur-leonés e o aragonés.
Castelán
Á marxe do coñecemento que todo galegofalante ten deste idioma, a súa distancia co galego, non pequena en múltiplos planos, fica reducida para nós polo influxo (dominio) que exerceu sobre a lingua galega desde o s. XVI e pola incorporación no galego popular de numerosas interferencias. Pode consultarse unha escolma destas aquí.
Cómpre dicir que o castelán adoptou algunhas solucións fonéticas particulares, á marxe das outras linguas romances, que nalgúns casos se achacan, como vimos, ao influxo do éuscaro.
Astur-leonés
Como o castelán, ditongou os e / o latinos, mais -como no aragonés- con solucións dispares: fueu, daquién, güe... [fogo, dalgunha persoa, boi]. Tamén son características súas:
-
- formas particulares do verbo ser (ye, yera...),
- o peche do -o final para -u (mozu, perru...) ou
- a palatalización do L- inicial en ll- (llobu, llingua...), como no catalán.
Portugués
Confórmase co mesmo sistema lingüístico que o galego e, unha vez derrubada a barreira da -se así for- falta de hábito de escoitar o seu sotaque, a comprensión para nós é moi elevada, case plena. Arrédano do galego certos trazos fonolóxicos (presenza de 9 vogais orais, de 5 ditongos nasais ou de sibilantes sonoras) e unha pequena porcentaxe de léxico específico. A curva de aprendizaxe do portugués padrón para unha persoa galegofalante é, xa non pouco pronunciada, senón mesmo lixeiriña.
Son fenómenos específicos do galego e do portugués:
-
- a caída do L e N intervocálicos (ceo, lúa, ter...),
- a simplificación do duplo ele -LL- e duplo ene -NN- (cabelo, cana...)
- a evolución de AU a ou (pouco, ouro...; en xeral, os ditongos decrecentes: primeiro, beira...),
- ou a conformación dun infinitivo conxugado (de moito rendemento).
Complementos
1. Mapa de distancia léxica segundo alternativetransport.

2. Semellanza léxica (de acordo coa orixe do vocabulario), segundo o Ethnologue:
Catalán e Francés: 85% - Catalán e Italiano: 87% - Catalán e Portugués / Castelán: 85%
Castelán e Francés: 75% - Castelán e Italiano: 82% - Castelán e Portugués: 89%
Portugués e Francés: 75% - Portugués e Italiano: 80%
Francés e Italiano: 89%
Actividades
1. Que linguas recoñeces nestas oracións? Que fenómenos dos vistos se observan?
- Gústenme los tos güeyos faladores – Gústanme os teus ollos faladores / Gosto dos teus ollos faladores.
- Ploiguec e eth carrèr ja ei shut. - Choveu e xa está enxoita a rúa.
- Motxila eta txapela ezkerrean - A mochila e a chapela da esquerda.
- Devant d’a caseta bi’staba una xerata que itava muita flama – Diante da casiña había unha fogueira que botaba moitas lapas.
- S'ha fet de nit – Fíxose de noite.
[sol]
2. Localiza tres ou catro trazos do catalán neste texto e indica se coinciden co galego e/ou co castelán.

3. [Oral] Que conclúes a partir do seguinte cadro?

4. [Oral] Sintetiza a orixe e a situación da variedade do Val de Xálima. Que significa a "terceira póla"?