O texto argumentativo

Sitio: Aula Virtual do IES do Milladoiro
Curso: Lingua Galega 1º BAC 23/24
Libro: O texto argumentativo
Impreso por: Usuario convidado
Data: mércores, 24 de decembro de 2025, 1:37 PM

Táboa de contidos

1. Claves

1. Achegamento.

2. Desde a perspectiva da produción textual, debemos ter en conta o seguinte.

Como emisores, debemos estar lexitimados ante os receptores para poder influír no seu pensamento, convencelos. Para conseguir iso, implicarémonos no texto, estearemos suficientemente os nosos argumentos e anticiparémonos aos posíbeis contraargumentos.

Previamente (á composición do texto) é preciso: 

  • definir coa maior claridade posíbel a nosa postura (tese) ante o tema;
  • documentarse sobre o asunto e as opinións existentes / organizar os nosos coñecementos;
  • distinguir os feitos das opinións;
  • perfilar os argumentos  centrais que han apoiar a postura que defendemos;
  • prever a que altura enunciaremos a tese, como faremos avanzar o corpo argumentativo e de que xeito concluiremos.

Na composición do texto é fundamental:

  • redactar a tese con precisión, preferentemente nunha oración afirmativa que concentre palabras clave;
  • manter con coherencia a nosa tese ao longo do texto, máis alá das matizacións ou concesións a outras posturas que poidamos incorporar;
  • achegar en primeiro lugar os argumentos de maior peso: as razóns lóxicas acompañadas das evidencias que as apoien;
  • expresar a opinión mediante a presenza do emisor: con modalizadores (certeza, dúbida, valoración...), uso da 1ª persoa (ao meu ver...) ou implicación do receptor (como todos/as sabemos...);
  • empregar conectores e marcadores textuais para organizar a argumentación: de orde, de causa-consecuencia, de oposición, de certeza...
  • incluír exemplos que reforcen os argumentos ou que por si mesmos sexan argumentos;
  • usar estratexias discursivas para soster a credibilidade, establecer complicidade co receptor, implicar a audiencia ou facer ben comprensíbel o discurso;
  • concluír apuntando á tese, reafirmándoa ou explicitándoa agora no final.

Na revisión do escrito, valoraremos:

  • se queda clara a nosa opinión;
  • se conseguimos defendela;
  • se evitamos plenamente as falacias;
  • se a presentación é axustada e correcta.

 

3. Ampliacións

 

3.1. Os tipos de argumentos

Recoméndase revisar a tipoloxía con este documento do IES Rego de Trabe.

 

3.2. As falacias

Cualquera tipo de argumento pode converterse en falacia (ao transformar parte da realidade e enganar). Por exemplo, é unha falacia un argumento de autoridade con datos xa superados por investigacións posteriores ou a apelación a unha falsa autoridade.

Cómpre evitar, entón, a selección interesada de datos, a falsa xeneralización (por exemplo, a partir dunha experiencia persoal), as falsas causas, etc.

+ Falacias explicadas graficamente

 

3.3. A estrutura argumentativa clásica

É trimembre:

1. Introdución. Ten como finalidade presentarlle o problema ao receptor e obter del unha disposición favorábel. É frecuente relacionar o tema cun suceso de actualidade. Tamén é posíbel comezar coa cita dunha opinión allea para refutala, adherirse a ela ou matizala; ou coa formulación dunha ou varias preguntas cuxa resposta supón a tese que se pretende demostrar.

Asociada á introdución, adoita contemplarse a exposición da tese: o emisor amosa a súa posición de xeito claro. 

2. Corpo argumentativo. Parte central do discurso na que se achegan argumentos (e contraargumentos), razóns que avalan e apoian a tese. 

Ao defender unha opinión, pódese adoptar unha "argumentación positiva" (ou de proba) ou ben unha "argumentación negativa" (ofrécense razóns que refutan o rexeitan argumentos contrarios).

Teñen especial valor os argumentos lóxicos, de exemplificación, de autoridade, analóxicos, de datos estatísticos e causais. Convén ordenalos e distribuílos axeitadamente en parágrafos.

A argumentación terá un número suficiente de razóns. Cada unha será distinta ás demais e estará directamente relacionada coa tese. Convén que as razóns conten con evidencias que as apoien, como exemplos, datos ou experiencias. 

3. Conclusión. Lémbranse os puntos máis relevantes da argumentación, reafírmase a tese, establécese un propósito ou apúntase unha solución. 

Internamente, distinguimos:

Estrutura dedutiva ou analizante: presenta a tese ao inicio, seguida dos argumentos. Desde o principio advirte da conclusión á que se dirixe.

Estrutura indutiva ou sintetizante: presenta os argumentos en primeiro lugar para rematar enunciando a postura como conclusión. Predispón o receptor para aceptar a tese final.

Estrutura encadrada ou circular: presenta a tese seguida de todo o corpo argumentativo para volver a ela ao final. É a máis didáctica porque reitera a idea que se defende.

 

 

 

2. Actividades

[Orais as dúas primeiras]

1. Indica a tese ou postura que se podería defender cos seguintes argumentos:

    • En momentos difíciles foron os únicos que me deron o seu apoio.
    • Unha das mellores maneiras de gozar das cousas boas da vida.
    • “Quen non só perdoa un erro, senón que tamén axuda a non cometelo máis” (Sócrates).

2. Valora o corpo argumentativo dalgunha das seguintes intervencións.

3. A partir dos enunciados que se proporcionan, achega tres argumentos iniciados polos mesmos conectores do exemplo. [Vía Rosa Salgueiro, adaptado]

Enunciados:

a) A existencia de diferentes opcións políticas é positiva,
b) A escolarización é obrigatoria ata os 16 anos,
c) As mulleres galegas cobran de media un 25% menos ca os homes,

4. Identifica as falacias.

a) O burkini debe desaparecer das praias occidentais, porque nunca ninguén foi nadar cunha roupa tan contraria á tradición europea. Xa o dixeron os dirixentes franceses, desde Lepen ata Manuel Vals: as mulleres que levan o burkini degrádanse a si mesmas e son un insulto ás mulleres occidentais. Se aceptamos isto, entón logo chegará a oración do venres e a imposición do burka ás mulleres, e Europa acabará converténdose ao Islam. Somos nós -e a nosa cultura-, ou a barbarie.

b) Calquera sabe que as corridas de touros son unha festa sagrada en España. Mantela é respectar unha tradición que segue a absoluta maioría e que se remonta a séculos de historia. Se eliminamos os touros, estamos eliminando parte da nosa historia, e con ela vai a nosa identidade como sociedade e cultura. E ninguén quere destruírse a si mesmo, salvo eses ignorantes ecoloxistas, que non dubidan en condenar un neno a piques de nacer mentres choran porque un lince foi atropelado nunha estrada. Que tolo se pode poñer a favor destes ecoloxistas que lles dan máis importancia aos dereitos dos animais que aos das propias persoas?

5. Indica que tipo de argumentos son os seguintes (tomado do documento do IES Rego de Trabe ligado antes).

Tese: Cómpre superar os prexuízos sobre a lingua galega
  • a. Con 18 anos comecei a falar galego habitualmente, ao principio foi difícil...
  • b. O galego aínda non é unha lingua plenamente normalizada, como amosa o feito concreto de que sexa unha excepción en múltiples ámbitos como, por exemplo, a prensa en papel.
  • c. Lembremos a Castelao: “Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”; a nosa lingua fainos singulares.
  • d. O futuro da lingua está nas túas mans.
  • e. A cifra de catalán falantes de orixe lingüística non catalá é, porcentualmente, máis do triplo dos neofalantes galegos, o que indica a vitalidade lingüística na que se atopa.
  • f. O futuro do galego, como o de calquera outra lingua, está na xente nova.
  • g. Seguindo o artigo 3º da Constitución, o castelán é a lingua oficial do Estado, pero as demais linguas serán tamén oficiais “nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos”.
  • h. Segundo os últimos datos do IGE, arredor do 50% da poboación fala en galego habitualmente.
 
6. Le o artigo de opinión de Marica Campo e responde estas preguntas.
  • a. Por que o teléfono móbil é comparado cunha carracha?
  • b. Cal é a tese que defende a autora do artigo?
  • c. Resume os argumentos empregados no texto.
  • d. Estás de acordo coa opinión da autora? Cres que abusamos do emprego do teléfono móbil? Argumenta brevemente a túa resposta.
  • e. Que che parece a idea de prohibir o uso do washapp ata os 16 anos? Dá tres argumentos para defender a túa opinión sobre o asunto.

7. Sitúate nunha das posturas seguintes e deféndea considerando un argumento contrario exposto (É certo que / Seguramente / Se cadra, ... En todo caso, / Mais / Agora ben, ...)

8. Traballo coa Guía para o descenso enerxético. Analiza -tese e argumentos, estrutura- o seguinte texto (adaptado). A seguir, defende a postura contraria. [sol]

Dise que a humanidade sempre foi cara adiante, que non é posíbel unha volta atrás en termos de progreso material. Mais iso non é certo.

A historia demóstranos que houbo civilizacións avanzadas que desapareceron en períodos máis ou menos curtos de tempo debido a múltiples causas, que —como Joseph Tainter explica no seu libro The collapse of complex societies— moitas veces son reducíbeis ao problema dos rendementos marxinais decrecentes. Cidades enteiras ficaron abandonadas e viraron ruínas; recursos naturais foron devastados; coñecementos desenvolvidos durante séculos, perdidos... A nosa arrogante civilización industrial non está a salvo desas leis físicas e ecolóxicas —malia a nosa habitual soberbia intelectual— e só se puido manter porque a abundancia da enerxía fósil permitiu un progreso exuberante durante os últimos dous séculos, cun nivel de prosperidade material sen precedentes.

O progreso vai para diante e para atrás na Historia, e agora, tras o período de maior desenvolvemento demográfico, técnico e civilizatorio coñecido, é probábel que experimentemos o maior colapso da nosa historia como especie. Fronte a ese mito do progreso continuo como evolución histórica nun único sentido, enfrontámonos agora á oportunidade de “volvermos á casa”, reatopándonos cos demais en comunidade e coa natureza.

 



Solución ás cuestións máis pechadas