As propiedades textuais: a adecuación. A expresión da subxectividade
| Sitio: | Aula Virtual do IES do Milladoiro |
| Curso: | Lingua Galega 1º BAC 23/24 |
| Libro: | As propiedades textuais: a adecuación. A expresión da subxectividade |
| Impreso por: | Usuario convidado |
| Data: | sábado, 27 de decembro de 2025, 4:55 PM |
1. A adecuación
Esta propiedade textual implica a adaptación á situación, ao receptor e á canle. A intención comunicativa cumprirase se a expresión se axeita ao contexto, especialmente ao destinatario.
Os principais factores son: a) o propósito da comunicación (construír relacións, transmitir información, convencer...); b) a relación entre os interlocutores (+/- próxima, +/- entre iguais...); c) as circunstancias do acto de comunicación (ámbito público ou privado, espazo formal ou informal...)
A adecuación esixe que o texto sexa oportuno na situación, apropiado ao destinatario e aceptábel formalmente.
Principais esixencias:
1. Axuste ás normas sociais e convencións (formas de tratamento, pertinencia do humor, etc.)
2. Escolla do rexistro lingüístico pertinente (e outras variedades).
3. Elección dos contidos que se comunican (grao de complexidade, presuposicións previstas, etc.)
4. Uso das funcións lingüísticas acaídas (apelativa, representativa...).
5. Construción do xénero textual necesario (asemblea, coloquio, artigo...), co formato agardábel.
Actividades
1. Analiza o teu/voso texto modificado para nivel vulgar. Indica:
-
- a) en que situación se podería producir, ante que receptor?
- b) cal sería a intención comunicativa do texto?
- c) o emisor consegue axustar e manter o seu propósito?
2. Que esixencias da adecuación non se cumpren na seguinte intervención?
- Cales son as túas expectativas...
- Hostia, tío, espera un pouquiño, é Fernando Torres, tío, cuspidiño, eh? (Risos)
(Dani Güiza en rolda de prensa)
3. Que diferenzas atopas entre unha presentación en youtube para guiar a elaboración dun prato e unha receita dun libro de cociña ou mesmo nun blogue? Pon ou crea un exemplo de expresión non adecuada nunha situación de uso dun deses xéneros textuais.
|
|
+ Noutras redes |
2. A expresión da subxectividade
A subxectividade nos textos é a mostra do punto de vista persoal do emisor, con valoracións, opinións ou sentimentos.
A presenza do emisor no texto tamén se denomina modalización.
As marcas da subxectividade son moi variadas e remiten ás funcións expresiva e estética da linguaxe.
→ Adxectivos e adverbios valorativos (atractivo, miserábel, lamentabelmente...).
→ Léxico afectivo e connotativo (pequechiño, casaza, desfeita, ataque...).
→ Oracións exhortativas, exclamativas, dubitativas e desiderativas con valor afectivo (Vaia experiencia!, Adiante, fagámolo...). En xeral, o modo subxuntivo e o imperativo.
→ Afirmacións e negacións categóricas sen xustificar (É evidente que, Non cabe dúbida...).
→ Recursos expresivos e figuras como o engadido de coloquialismos, o uso do superlativo, as interrogacións retóricas sen finalidade didáctica, as comparacións, as metáforas, a ironía, etc.
→ Formas da 1ª p. en pronomes, posesivos e verbos.
→ Verbos e expresións de opinión e sentimento (parecer, coidar, magoar, alegrar, ao meu ver, convén, é preciso...).
→ Discurso persuasivo con apelación ás emocións, sobre todo na publicidade (A túa satisfacción de cada día, Recibe a nosa calor...).
A subxectividade fica patente nos textos argumentativos (plenos ou mixtos) e mais nos literarios, mais non é exclusiva destes.
Cobra especial relevancia a -non infrecuente- modalización nos xéneros informativos dos medios de comunicación.
Apoios
- Presentación máis básica (con exemplos da prensa). En modo diapositivas.
Actividades
1. A entrevista adoita considerarse un xénero xornalístico mixto (con información e opinión). Estás de acordo? Por que? Matiza todo o posíbel. Apóiate neste fagmento dunha entrevista a Fins Eirexas:
|
Segundo o último Informe do Observatorio de Sostibilidade, o cambio climático propiciará en Galiza unha suba de dous graos da temperatura media para 2050, así como un descenso á metade das chuvias para 2030. Que consecuencias pode ter isto? Esta situación deriva, en primeiro lugar, na menor intensidade da produtividade dos ecosistemas mariños. Estes presentan un descenso dos seus afloramentos, unha maior ausencia de augas de temperaturas frías (que son as que fertilizan as rías) e unha proliferación con máis intensidade das mareas vermellas. Tres aspectos que, se non se frean, podería facer caer a produtividade das rías. Outros efectos do cambio climático que podemos observar son a maior intensidade da seca, o menor nivel dos recursos hídricos e o aumento e a desestacionalización dos incendios forestais. Así como tamén o deterioro dos hábitats naturais vencellados a unha Galiza húmida que, cada vez, está tendo un clima máis mediterráneo. |
2. Indica para cada un dos seguintes fragmentos:
- De que fonte se tirou (académica, enciclopédica, xornalística, literaria...).
- A que xénero textual pertence (informe, entrada, artigo de opinión, noticia...).
- Que tipo textual domina (exposición, argumentación, narración...).
- Que marcas de subxectividade son máis evidentes (se as ten). Identifícaas.
a)
A vaga de accións de activistas climáticas en museos, danando cadros canónicos e recoñecidos pola sociedade, levantou innumerábeis críticas.
Non é unha acción que axude a empatizar coa causa do ecoloxismo a xente non concienciada e ten derivadas perigosas como provocar unha menor accesibilidade ao patrimonio público, mais detrás da airada (e, ao meu ver, sobreactuada) reacción por parte de quen frecuentemente nin se preocupa pola arte nin, dende logo, polo planeta, tamén indica que a sobreexposición mediática destas accións sucede tamén para desprestixiar o activismo climático. Un activismo de xente moza que, lembremos, tamén está a boicotear saídas de avións privados e a evidenciar a relación directa de cambio climático e desigualdade social.
Non simpatizo coa acción concreta, pero non me sae insultar e ridiculizar as persoas que a fixeron, porque esa xente moza asumiu un risco protestando, por unha causa xusta, con accións que son delito e que desafían a orde moral imperante e a propia concepción da arte. Que facemos con artistas que destruíron a súa propia obra? Que destrucións de arte son vandalismo e cales iconoclastia e creación a partir da destrución?
b)
A COP26 é a 26ª Conferencia das Partes (COP) da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático e a terceira reunión das partes do Acordo de París. Celebrouse en Glasgow, Escocia, entre o 31 de outubro e o 12 de novembro de 2021. Debería celebrarse en novembro de 2020, pero aprazouse por mor da pandemia de COVID-19.
Supón a primeira vez que os partidos se comprometen a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e o aumento das temperaturas do cambio climático.
c)
En teoría, esta sexta feira remataba a COP26, a Conferencia das partes sobre o cambio climático da Organización das Nacións Unidas (ONU) en Glasgow (Escocia). Porén, como vén sendo habitual nestes encontros, a falta de acordo nunha resolución que teñen que aprobar os case 200 países presentes no evento obrigou a continuar negociando para chegar a un punto en común.
Con todo, o novo texto inclúe aínda menos compromisos, ao eliminarse o punto no que se facía un chamamento a acelerar a fase de saída do carbón e a rematar coas axudas para combustíbeis fósiles.
