A II República e a Guerra Civil
4. A Guerra Civil (1936-1939)
4.4. As consecuencias da guerra
"Ademais do millón ou dos millóns de mortos, a saúde do pobo viuse minada pola súa secuela de fame e enfermidades. Centos de miles están aínda no cárcere. Tanto física como moralmente, España é unha ruína." Gerald Brennan (O Labirinto español, 1943)

Aínda hoxe non existe unanimidade para falar do número de persoas mortas a consecuencia da Guerra Civil. As cifras móvense entre os 500.000 e 1.000.000 de vítimas causadas polos combates, os bombardeos e a represión. A represión das persoas do bando contrario ou de ideoloxías diferentes
tomou a forma de execucións nos paseos ou nos xuízos sumarios. Se ben podemos atribuír actividades represivas aos dous bandos, estas acadarán unha grande dimensión no bando sublevado, ao practicarse durante a guerra pero tamén con posterioridade a 1939. Os encarceramentos e as execucións víronse acompañados da purga de desafectos ao réxime nos ámbitos da educación e da administración. O réxime franquista xurdido da guerra exerceu unha dura represión durante os seus case corenta anos de existencia, sen buscar en ningún momento a reconciliación do país.
Na actualidade, a Lei de Memoria Histórica de 2007 e a Lei de Memoria Democrática de 2020 buscan restaurar a dignidade das persoas represaliadas, levando a cabo iniciativas como a elaboración dun catálogo das fosas comúns que aínda permanecen en España e na que se calcula que existen máis de cen mil vítimas.
Outra das consecuencias da Guerra Civil foi o exilio de miles de persoas afíns á República que se dirixiron a países europeos coma Francia ou americanos coma México. Neste exilio destaca o carácter simbólico do poeta Antonio Machado, morto en Collioure aos poucos días de cruzar a fronteira francesa e de pasar polos campos de refuxiados organizados nas costas mediterráneas. A súa tumba permanece en Collioure.
A nivel económico as infraestruturas do país quedaron esnaquizadas. O PIB de 1936 non se recuperou ata a década dos anos 50 e as condicións de vida para a poboación endurecéronse, ao impoñerse o racionamento. A nivel da política internacional, coa excepción das potencias fascistas, España é illada por boa parte dos países da Sociedade de Nacións.