3.1: Tempo e clima

Sitio: Aula Virtual IES Mendiño
Curso: 2023/2024 XEOGRAFÍA E HISTORIA 1º ESO
Libro: 3.1: Tempo e clima
Impreso por: Usuario convidado
Data: venres, 16 de xaneiro de 2026, 9:40 AM

1. TEMPO E CLIMA

O tempo é o estado da atmosfera nun lugar determinado e nun momento dado. Así, por exemplo, podemos dicir que hoxe en Lugo chove ou que en Vigo vai sol. En cambio, o clima refírese ás condicións atmosféricas que se dan nunha rexión durante un longo período de tempo. Así, por exemplo, dicimos que Galicia ten un clima oceánico onde chove con frecuencia e as temperaturas son temperadas.
Como podes ver, ámbolos dous termos refírense á atmosfera… e que é a atmosfera?
A atmosfera é a capa gasosa que envolve a Terra. En comparación ás dimensións da Terra, é unha capa delgada que non chega aos 1000 km.

A atmosfera é primordial para a vida no planeta. Non só porque contén os gases imprescindibles para a respiración ou para realizar a fotosíntese das plantas, senón tamén porque actúa de escudo protector contra os meteoritos e reflicte a radiación ultravioleta grazas á capa de ozono localizada na estratosfera.
Ademais, a atmosfera xoga un papel fundamental na regulación da temperatura xa que absorbe parte das radiacións infravermellas que emite a Terra logo de ser quentada polo sol, evitando os cambios bruscos de temperatura. É certo que, debido a unha maior concentración dos gases que absorben ditas radiacións (o dióxido de carbono, por exemplo) poden aumentar as temperaturas e cambiar o clima. É o que se coñece como efecto invernadoiro.
Efecto invernadoiro
Podes afondar neste proceso coñecido como efecto invernadoiro neste enlace

2. ELEMENTOS METEOROLÓXICOS

Os elementos que conforman o clima son:
  • A temperatura
  • A humidade
  • As precipitacións
  • A presión atmosférica
  • O vento

2.1. A Temperatura

É o grao de calor da atmosfera debido á radiación solar.
Mídese en graos Celsius ou centígrados ou graos Farenheit (usados polos países anglosaxóns). O aparato que se emprega para medila é o termómetro
A diferenza entre a temperatura máis alta e a máis baixa rexistrada nun lugar ou zona, durante un determinado período, chámase oscilación térmica ou amplitude térmica
Os datos das temperaturas represéntanse en mapas que utilizan liñas que unen puntos coa mesma temperatura (isotermas).

2.2. Factores que modifican a temperatura

  • Observa a evolución das temperaturas medias mundiais ao longo do ano.

Temperaturas mundiais

FACTORES QUE MODIFICAN A TEMPERATURA

i- A latitude
(distancia dun punto ao Ecuador).
En xeral, ao aumentar a latitude diminúe a temperatura, pois os raios solares caen menos perpendiculares e a intensidade da insolación é menor. E ao revés, canto máis cerca do Ecuador, menor latitude, aumenta a temperatura.
ii- A altitude (respecto ao nivel do mar).
Os raios solares que chegan á Terra son raios de luz e cando tocan a codia terrestre convértense en calor. Esta calor transmítese ao aire. Disto podemos deducir que, en contra do que poda parecer, a atmosfera quéntase por abaixo e non desde arriba. En consecuencia, a maior altitude menor é a temperatura (máis ou menos ven sendo que cada 100 m que subimos a temperatura diminúe 0,6 ºC).
iii- A distancia respecto do mar
O mar, como todos os líquidos, transmite a calor e a reparte en profundidade. Por iso tarda máis en quentarse e en arrefriarse. A terra, pola contra, non o fai, polo que se quenta e se arrefría máis rápido. Cando en verán (ou de día) a terra se quenta moito e rapidamente, o mar faino máis amodo e o aire que sopra do mar refresca a terra. En inverno (ou de noite) ocorre ao revés, a terra arrefríase antes e o mar transmítelle a súa calor. Por iso se di que o mar suaviza as temperaturas.

2.3. Humidade e precipitacións

A humidade é a cantidade de vapor de auga que contén a atmosfera. Provén da evaporación dos océanos, mares, etc. A cantidade de vapor de auga que pode absorber o aire depende da súa temperatura. Así o aire quente admite máis vapor de auga có aire frío.
Mídese co higrómetro, e exprésase en porcentaxes (%).

As precipitacións refírense á auga líquida (chuvia ou orballo) ou sólida (neve ou saraiba) que cae sobre a superficie terrestre.
Mídense, con axuda do pluviómetro en l/m2 ou mm (é o mesmo dicir que caeron 5 l/m2 Represéntanse en mapas con liñas que unen puntos con igual precipitación: isoietas).

A auga na Terra non permanece estática senón que realiza nun movemento cíclico constante entre os distintos lugares onde se atopa almacenada: desde a atmosfera aos océanos. Este movemento recibe o nome de ciclo da auga.


O ciclo da auga

  1. Iníciase co proceso de evaporación: A enerxía solar converte a auga líquida en vapor de auga. Este vapor é maioritariamente de orixe marítima. As plantas e os animais tamén expulsan vapor no proceso de respiración.
  2. Unha vez na atmosfera, este vapor de auga ascende, arrefríase e condénsase sobre partículas sólidas (o po atmosférico) formándose minúsculas pingas de auga líquida que se manteñen en suspensión. Esta masa de pingas de auga microscópicas con po no seu interior é o que chamamos nubes. Se a condensación se produce a nivel de chan, orixínase o orballo. Se o arrefriado é con temperaturas baixo cero prodúcense partículas de xeo.
  3. As pingas vanse unindo unhas con outras formando pingas maiores que, cando o grao de condensación é moi elevado, terminan por precipitarse á superficie terrestre.
  4. A maior parte das precipitacións prodúcense sobre o mar de maneira que, neste caso, péchase o ciclo, volvendo a auga ao lugar onde partiu. Unha porción menor cae sobre a terra. A maior parte desta auga discorre sobre a superficie da mesma (escorrentía), formando torrentes ou ríos que van parar finalmente ao mar. A outra parte da auga penetra no interior da terra formando augas subterráneas. Este proceso coñécese como infiltración. Moitas destas augas subterráneas forman ríos baixo terra que tamén van parar ao mar; outras quedan almacenadas en forma de reservas subterráneas, chamadas acuíferos.

Ciclo da augaPodes ollar esta animación do ciclo da auga.


2.4. Factores que modifican as precipitacións

precipitacións mundiais
Distribución das precipitacións mundiais
i. A latitude (distancia dun punto ao Ecuador).
Nas zonas próximas ao Ecuador, as precipitacións xeralmente son máis elevadas que nas zonas tépedas e frías, xa que o aire cálido admite máis vapor de auga co aire frío.
ii. A altitude (respecto ao nivel do mar).
En principio, a maior altitude, aumentan as precipitacións xa que, como vimos nas precipitacións orográficas, as masas de aire húmidas ao ascender a causa da presenza dunha montaña, arrefríanse, condénsanse e producen as precipitacións. Agora ben, este efecto desaparece a partir dos 5000 m.
iii. A distancia respecto do mar.
En xeral, as zonas costeiras reciben máis precipitacións cas zonas interiores porque o aire está moito máis cargado de humidade.
iiii. As correntes mariñas.
Debido principalmente ao movemento de rotación terrestre e aos ventos constantes ou planetarios, as augas dos océanos atópanse en continuo movemento formando auténticos “ríos dentro do océanos”. Son as correntes mariñas.
Correntes mariñas
As correntes mariñas frías dificultan a evaporación da auga e por iso, as costas que bañan son áridas. En cambio, as correntes mariñas cálidas favorecen a evaporación favorecendo as precipitacións.

2.5. Tipos de precipitacións

En función da súa orixe temos:
i. Choivas por convección, danse en zonas de baixas presións e altas temperaturas, como o Ecuador. O aire cálido e húmido ascende, coa altura a temperatura diminúe, a masa de aire arrefríase, condénsase e chove. Chuvias de convección
ii. As precipitacións orográficas, prodúcense cando unha masa de aire húmida choca cunha montaña, elévase, arrefría, condensa e precipita como choiva ou neve.
Chuvias orográficas
iii. As precipitacións de fronte, cando dúas masas de aire diferentes, unha cálida e outra fría chocan, prodúcense abondosas precipitacións e ás veces saraiba. É típica das zonas temperadas. Chuvias de fronte

2.6. A presión atmosférica

É o peso que exerce o aire sobre a superficie terrestre.
Mídese en milibares (mb) con axuda do barómetro. A presión media (a nivel do mar) é de 1013 mb.
O aire cálido pesa pouco e tende a ascender dando lugar a unha zona de baixas presións máis coñecida como borrascas. Este aire quente arrastra vapor de auga e, ao ascender, arrefríase, condénsase e adoitan provocar precipitacións.
O aire frío é máis pesado polo que tende a descender orixinando unha zona de altas presións que se coñecen como anticiclóns. Este aire non trae vapor de auga polo que ocasionan ceos despexados e tempo seco.
A presión represéntanse en mapas con liñas que unen puntos con igual presión: isóbaras.
Isóbaras

Mira neste enlace como se interpreta un mapa do tempo con liñas isóbaras.

2.7. O vento

Chámase vento ao aire que se despraza horizontalmente debido ás diferenzas de presión, dos anticiclóns aos ciclóns. O aire sempre se move da zona de altas presións cara á de baixas presións. Canto maior é a diferenza de presións, maior é a intensidade do vento.
Mídese co anemómetro e exprésase en km/h. Para coñecer a dirección en que sopra usamos o catavento.
anemómetro catavento

2.8. Tipos de vento

En función da súa dirección, temos:
i. Constantes: Hai ventos que sopran ao longo de todo o ano. Estes son:
  • Alisios: desde os trópicos cara o Ecuador. Sopran do leste ao oeste.
  • Ventos do oeste: desde os trópicos cara as zonas temperadas. Sopran do oeste ao leste.
ii. Estacionais: Sopran en función da estación.
  • Monzóns: no verán sopran desde o océano Índico cara Asia levando abondosas precipitacións; no inverno sopran do continente cara o mar sendo secos e fríos.

monzónsPodes mirar esta animación sobre os monzóns
Ventos dominantes

iii. Outros ventos son locais, como as brisas producidas polas diferenzas de temperatura entre a terra e a auga, principalmente no verán.

Brisas

Os ventos tamén poden clasificarse segundo a súa intensidade. Podes botarlle unha ollada á Escala de Beaufortonde clasifica os ventos baseándose principalmente no estado do mar, das súas ondas e a forza do vento. (fai clic sobre a imaxe)
Escala de Beaufort