Tema 2: As formas da Terra: Relevo e hidrografía

6. Xeografía fisica europea. Trazos xerais

mapa europa

Cunha superficie de máis de 10,5 millóns de km2 , Europa é o quinto continente por extensión, superando en tamaño unicamente a Oceanía. Mesmo existe o debate de se Europa é un continente en sentido estricto ou máis ben unha prolongación do continente asiático, sendo máis apropiado falar de Eurasia (podes saber máis deste debate neste link). En calquera caso, nós tomaremos como punto de partida que Europa é un continente.

Os límites de Europa son:

  • Ao norte: Océano Glacial Ártico
  • Ao sur: África (separado polo mar Mediterráneo e estreito de Xibraltar)
  • Ao leste: Asia (separado polos montes Urais)
  • Ao oeste: Oceáno Atlántico

O relevo europeo consta de tres unidades fundamentais:

  • Chairas: situadas fundamentalmente no centro do continente. Destaca a Gran Chaira europea.
  • Mesetas e macizos antigos: a súa antigüidade supón que estas elevacións teñan unha altitude medio-baixa. Destacan os Montes Urais, o Macizo Central francés, as mesetas de Finlandia e Suecia ou a Meseta Central da Península Ibérica
  • Cordilleiras novas: A súa "recente" formación implica que son as de maior altura. Destacan o Cáucaso (co pico máis elevado de Europa, o Elbrus con 5642 m.), os Alpes, os Alpes Dináricos, ou os Pireneos.

A hidrografía:

As costas europeas caracterízanse por ser moi recortadas, presentando numerosos cabos, golfos e penínsulas. Tamén se pode destacar a presencia de numerosas illas (Creta, Sicilia, Córsega...) e arquipélagos (Illas Baleares, Illas Xónicas, Illas Británicas,...)

As costas están bañadas por moitos mares, dos que podemos destacar o Mediterráneo no sur ou o Báltico no norte. Os lagos teñen grande presenza na península escandinava, se ben os de maior tamaño están en Rusia.

Os ríos europeos son moi numerosos e diversos, destacando pola súa lonxitude o Volga (3530 km), que desemboca no Mar Caspio. No Océano Glacial Ártico desembocan ríos como o Pechora; no Océano Atlántico ríos como o Loira, o Rin ou o Vístula; no Mar Mediterráneo ríos como o Ebro ou o Po e no Mar Negro ríos como o Danubio ou o Don.

mapa ríos e concas hidrográficas europa


NOTA INVESTIGAElabora no teu caderno unha táboa na que coloques os ríos que aparecen no texto deste apartado e engadas, alomenos dous máis por desembocadura.

Elabora unha pequena ficha de investigación sobre un río europeo no que aparezan os seguintes elementos: nome do río, lonxitude, lugar no que nace, lugar no que desemboca, país/es polos que pasa, algunha curiosidade e unha foto. Emprega este modelo e envía esta ficha en formato PDF na tarefa que tes a túa disposición na aula virtual.