APUNTAMENTOS

1. INTRODUCIÓN

España ten arredor de 47 millóns de habitantes. Agora ben, onde vivimos os españois? Preferimos vivir no campo ou na cidade? No litoral ou no interior? No norte ou no sur?

Nesta ligazón podes acceder a un mapa interactivo que mostra os datos de poboación española por áreas urbanas. Navegamos polo mapa para ver a información asociada. Tamén podemos cambiar o ano dos datos e analizar a evolución no tempo.

mapa demografía

Como podemos observar no mapa, os españois prefiren vivir nas cidades. En especial, nas grandes áreas urbanas, as que teñen máis de 500.000 habitantes, porque acollen a case a metade da poboación. E dentro destas, destacan as áreas metropolitanas de Madrid e Barcelona. Entre ambas concentran unha cuarta parte do total da poboación española.

Agás excepcións, como Madrid, Zaragoza ou Valladolid, a maior parte da poboación en España vive en municipios do litoral ou preto da costa formando corredores como o eixo mediterráneo, o eixo atlántico, o eixo do Guadalquivir ou o eixo do Ebro.

A distribución provincial reforza esta idea: ademais de Madrid, as provincias máis poboadas son as do litoral mediterráneo e algunha do litoral cantábrico.

O seguinte mapa interactivo mostra os datos de poboación española por provincias. Navegamos polo mapa para ver a información asociada. Tamén podemos cambiar o ano dos datos e analizar a evolución no tempo.

Mapa 2

A Comunidade Autónoma máis poboada en España é Andalucía, seguida de Cataluña, a Comunidade de Madrid e a Comunitat Valenciana.


REFLEXIONA:
_Que teñen en común as Comunidades Autónomas de Andalucía, Cataluña e Valencia desde o punto de vista xeográfico que as diferenza de Madrid?
_Como calificarías a situación poboacional de Galicia en función dos datos do mapa? Argumenta a túa resposta.