Tema 7: Tempo e espazo na historia. (copia)

5. Causas e consecuencias na historia.


A historia non pretende limitarse a describir as situacións humanas do pasado nun espazo xeográfico determinado, senón que aspira á comprensión, a entender por que as cousas sucederon dun ou doutro xeito.

Xorde así a causalidade como elemento central da investigación histórica. A persoa adicada aos estudos de historia emprega as fontes non soamente para obter unha imaxe estática dun determinado momento histórico, senón para comprender o por que, as causas que motivan esas situacións. Parellamente, do mesmo xeito que se busca a causa dun feito ou proceso, aparece automaticamente a consecuencia; é dicir o que antes era causado por algo será á súa vez causa doutros elementos.

Por exemplo, veremos que a caída do Imperio romano é causada, entre outros factores, polas invasións de pobos bárbaros; e á súa vez ese colapso do Imperio causa a fragmentación do poder político no Occidente europeo.

Por suposto, o panorama complícase cando hai unha multicausalidade, isto é diversas causas que actúan conxuntamente e que soe ser común cando se estuda un fenómeno histórico.

Para atender á complexidade da investigación histórica emprégase un método rigoroso que consta dos seguintes chanzos:


1.- Elaboración de hipóteses ou posibles explicacións a partir dos coñecementos previos sobre un proceso ou feito histórico.

2.- Busca de información, de fontes históricas de todo tipo.

3.- Análise crítica das fontes, coa finalidade de establecer en que medida son válidas para coñecer os trazos do feito ou proceso que se quere estudar.

4.- Elaboración de conclusións, que poden sintonizar ou non coas primeiras hipóteses.

Tucídides