Tema 7: Tempo e espazo na historia. (copia)

4. Os protagonistas da historia.


A historia móvese no tempo e no espazo tendo como obxectivo o estudo do ser humano, tal e como viamos no inicio da unidade. Aínda así, durante moito tempo os estudos de historia centrábanse exclusivamente en grandes figuras coma reis, heroes militares, nobres… deixando de lado ao conxunto da poboación. E, mesmo cando se foi superando ese estudio focalizado soamente en grandes personaxes, persistiron grupos sociais que a historia marxinou, debido a que esa marxinación era algo común nas sociedades nas que vivían os historiadores.

Pode apreciarse esta marxinación no caso das mulleres, tradicionalmente os estudos históricos non se centraban na historia das mulleres, que permaneceron afastadas dos obxectivos das obras de historia ata as derradeiras décadas do século XX, no contexto das reivindicacións do movemento feminista que consideraba necesario unha perspectiva histórica seria sobre a muller como base da loita pola igualdade de dereitos. Simone de Beauvoir, figura clave do feminismo do século XX dicía, a este respecto “non é a inferioridade das mulleres o que determinou a súa insignificancia histórica, senón a súa insignificancia histórica o que as condenou á inferioridade” poñendo de manifesto o papel dos estudos históricos coma lexitimadores de situacións sociais inxustas que sucedían no presente deses estudos.

Por outra banda, a marxinación á que someteu a historia tradicionalmente a determinados grupos non soamente obedecía a razóns de xénero, senón que tamén funcionaba mediante parámetros etnocentristas. Deste xeito, a historia de colectividades minoritarias como a xitana simplemente non existía porque non se consideraba relevante, cando por exemplo en España hai testemuñas de presenza xitana xa no século XV. O mesmo sucedeu en países coma Estados Unidos coa poboación nativa americana ou coa poboación negra.

É importante non esquecer estes erros da historia e tentar non perpetualos para que a historia nos sirva para coñecer e comprender elementos imprescindibles para lograr unha convivencia nun mundo cada vez máis intercultural e interconectado, pero con preocupantes repuntes de actitudes xenófobas e excluíntes.


Dereitos das muller


Bandeira xitana




Pulsa no icono para acceder ao espazo de RNE Mujeres malditas.