Tema 7: Tempo e espazo na historia. (copia)

3. O espazo na historia.


Unha vez traballada a dimensión temporal da historia, centrarémonos na dimensión espacial, no escenario. Nas unidades adicadas á xeografía vimos bastantes mapas, e tamén observabamos como a cartografía distorsiona a realidade ao ter que empregar unha ou outra proxección xeográfica. Non hai máis que botar unha ollada aos mapamundis que adoitamos ver en calquera parte para que Europa apareza coma centro do mundo, algo irreal se falamos dun corpo esférico coma o xeoide que é o planeta Terra, no que calquera outra parte podería ocupar ese centro.
Mapas

Esta concepción de Europa coma eixo xeográfico do mundo acompáñase da consideración de Europa coma único motor civilizador da historia, dando lugar ao denominado eurocentrismo, que supón non soamente considerar a Europa centro do mundo e protagonista da historia, senón que vai acompañado da minusvaloración doutros espazos e doutras historias, como a africana, a asiática, a americana… que soamente se mencionan en relación con Europa. Pensa por exemplo cando falamos do “descubrimento” de América, que é algo que podemos dicir desde a perspectiva europea pero que pasa por alto o feito de que había pobos e civilizacións nativas que non necesitaban “descubrir” as terras nas que vivían.


A raíz do eurocentrismo atópase no dominio político de boa parte do mundo por parte de Europa durante a Idade Moderna e parte da Contemporánea, e malia que ese dominio xa non existe, a identificación de Historia Universal con Historia de Europa segue a facerse.

Aquí tes un interesante texto que ilustra o que acabamos de ver:

A historia do mundo escribiuse case sempre desde un punto de vista situado en torno aos 45 graos de latitude norte.
Londres está xusto por riba dos 51 graos, París en torno aos 49, e Roma nos 42 de latitude norte. Se contemplamos a franxa de territorio delimitada ao sur polo Cairo (30 graos latitude norte) e ao norte por San Petersburgo (60 graos latitude norte), vemos o escenario onde se desenvolveu a civilización occidental.
Asia atópase un pouco máis ao sur: Pekín a 40 graos de latitude norte, Tokio a 35 e Seúl a 37.
Norteamérica atópase case na mesma latitude que Asia: Washington D.C. a 39 graos, Filadelfia a 40, Nova York a 41, Chicago a 41, San Francisco a 38 e Los Ángeles a 34 graos de latitude norte.

(...) É posible que a zona situada entre os 30 e os 60 graos latitude norte non monopolizase a historia mundial, pero si monopolizou case por completo a versión escrita da historia mundial.
A maioría das editoriais, cadeas de televisión, universidades e bibliotecas contemplan o mundo desde esa franxa relativamente estreita do territorio.
Guadalupi, G. e Shugaar, A. Latitud 0. Viajeros, exploradores
y aventureros alrededor de la línea del Ecuador.
Ed. Destino (2006)