Tema 7: Tempo e espazo na historia. (copia)

2. O tempo na historia.

2.1. Anos e séculos.


· Anos e séculos

Pensa no ano e no século que naciches, verás como por un lado visualizas un número árabe (por exemplo 1950, aínda que seguramente non naciches neste ano...) e por outro un número romano (século XX ou XXI, aquí dificilmente haberá para ti máis opcións ca estas dúas por razóns obvias...).

Este uso de números árabes para os anos e romanos para os séculos é básico cando nos movemos na historia. Ademais, debemos ter presente que, desde a nosa perspectiva occidental, sitúase o nacemento de Xesús de Nazaret como eixo que cambia o cómputo cronolóxico, falándose así de anos e séculos antes de Cristo (a. C.) e despois de Cristo (d. C. ou A. D.). Pero moito ollo, non existe o ano 0; isto é, pasamos do 1 a.C ao 1 d. C., co que o século I d. C comeza no ano 1 d. C e remata no 100 d. C, sendo o ano 101 d.C o primeiro ano do século II. Así sucede con todos os séculos.


Outras culturas contan o tempo doutro xeito. Os xudeus por exemplo sitúan a orixe do mundo en torno ao 3760 a. C, co que na actualidade estarían na década do 5770. O Islam marca emprega como eixo cronolóxico a fuxida do Profeta da Meca a Medina, no ano 622 (feito denominado Héxira), co que estarían na década do 1430. Pola súa banda, os chineses sitúan a orixe do seu calendario no emperador Huangdi, concretamente na súa coroación, que segundo a tradición foi no 2698 a. C, co que se atoparían na década do 4710.

Anos e séculos