Tema 6: A Prehistoria: do Paleolítico ao Neolítico

4. A Idade dos Metais

4.1. Sociedade e economía

A utilización dos metais supuxo un gran avance na evolución da humanidade e provocou grandes cambios nas formas de vida. A procura de metais cos que elaborar as ferramentas e utensilios supuxo un gran impulso do comercio. As aldeas que se atopaban nas rutas comerciais aumentaron a súa riqueza, medraron e formaron pequenas cidades con varios miles de habitantes. Nestas cidades-estado aparecen novas ocupacións: comerciantes que se ocupaban de comprar e vender, sacerdotes que se ocupaban dos ritos relixiosos e guerreiros encargados de defender a poboación. Esta maior diversificación social levou, en última instancia, á xerarquización das sociedades xa que os sacerdotes, os guerreiros e as persoas máis ricas da comunidade adquiriron unha situación privilexiada fronte ao resto da poboación.
Jericó
Nestas sociedades asentouse a idea de que a participación na defensa, é dicir, a función do guerreiro, era a que outorgaba dereitos políticos na comunidade. Por mor disto, as mulleres, independentemente do seu nivel social ou da súa riqueza, non podían participar na vida política e quedaban sometidas aos homes.
Neste período hai civilizacións que entran xa na Historia ao descubrir e desenvolver o uso da escritura.