Tema 6: A Prehistoria: do Paleolítico ao Neolítico

3. O Neolítico

3.2. Cultura e arte

  • Tecnoloxía

O termo "Neolítico" (pedra nova) fai referencia a un cambio na técnica no traballo coa pedra, xa que se púe ademais de tallala. Adáptanse os instrumentos ás novas necesidades agrícolas. Pero foi unha época revolucionaria xa que houbo moitos máis progresos:

  • Inventouse a cerámica que permitirá gardar e cocer os alimentos.

  • Empezan a usarse os primeiros trenzados de fibras, primeiro con vimbio para facer cestos e logo a la, o liño e o cáñamo para facer tecidos.

Machados puídos
Machado puídoPodes ollar este vídeo onde se recrea a elaboración dun machado puído do Neolítico
 
Vasixa
  • Crenzas
Cando o ser humano se converte en sedentario, comezou tamén a modificar os seus espazos e características no referente ás súas ideas máxico-relixiosas.

A aparición da agricultura influíu de maneira moi poderosa nas ideas relixiosas e a fertilidade da terra, xunto cos elementos da natureza que fan posibles as colleitas, adquire carácter sagrado. Comezou así o rito da Gran Deusa Nai, que representaba a forza vital e a fecundidade.

Os enterramentos neolíticos seguen mantendo as ofrendas de comida, adornos e outros obxectos. Nas paredes dalgunhas das construcións funerarias aparecen tamén signos e figuras antropomorfas, todo iso relacionado co culto á Gran Deusa Nai. Isto demostra, non só a súa crenza na vida de ultratumba, senón a existencia de mitos e ritos, aínda que carecemos de detalles concretos deles.

  • Arte

As representacións artísticas tamén cambiaron durante este período.
Na pintura, as figuras pasaron a ser representadas dun xeito máis esquemático e normalmente cunha soa cor (monocromáticas), priorizando fixar a idea, o concepto, é dicir, crear símbolos non tanto de imaxes. Ademais a figura humana foi tomando protagonismo. As mellores mostras desta pintura en España atópanse na zona do Levante polo que se lles coñece como pinturas levantinas.

Pinturas da cova Remigia (Castellón)