Tema 6: A Prehistoria: do Paleolítico ao Neolítico

2. O Paleolítico

2.2. Cultura e arte

  • Tecnoloxía
Ao longo deste período desenvolvéronse moito os coñecementos técnicos, como o manexo dos diferentes materiais que tiñan ao seu alcance como madeiras, ósos e pedras que aprenderon a tallar para facer armas e ferramentas: ao principio bifaces (instrumento de pedra cortante polas dúas caras como o da imaxe), coitelos, puntas de frecha e logo, con ósos, arpóns e anzois.
Aprenderon a manexar o lume, a usalo para quentarse, ter luz, cociñar, escorrentar e cazar animais e finalmente aprenderon a producilo.
Foron quen de tratar as peles dos animais para cubrirse con elas ou usalas para transportar ou almacenar alimentos.
Biface
Tecnoloxía paleolíticaPodes ollar este vídeo onde recrean as distintas técnicas do Paleolítico
  • Crenzas
O feito de que o home primitivo non abandonase aos seus mortos e os enterrase cun cerimonial, demostra a presenza de ideas relixiosas. Ao falecido lavábano e colocábano na tumba en posición fetal, unha postura parecida á que ten o feto no ventre da nai. Acompañando ao corpo poñían armas, adornos e alimentos que demostran que crían no mantemento da personalidade no “máis alá”.
Soe afirmarse que o creador das artes plásticas foi o Homo sapiens sapiens. As máis coñecidas son as súas pinturas rupestres, chamadas así porque están realizadas nas paredes de covas. Son obras policromadas, ou sexa, usan distintas cores. Para isto empregaban pigmentos tomados da natureza como o carbón para a cor negra ou óxido de ferro para o vermello, mesturados con graxas animais ou resinas. Os temas representados son preferentemente animais (sobre todo bisontes e cabalos). O mellor exemplo destas pinturas atopámolo en España, nas covas de Altamira (Cantabria).
Existe un debate sobre o seu significado: uns afirman que o seu obxectivo era un ritual máxico-relixioso para propiciar a caza e outros afirman que eran para celebrar ritos de paso da adolescencia á idade adulta. Outra manifestacións artísticas son as Venus, pequenas esculturas feitas en pedra ou óso que representan mulleres espidas, con atributos sexuais moi marcados. Puideron ser representacións da Gran Deusa Nai, ou dunha deusa da fecundidade, ou da avoa do grupo social, ou mesmo representar os ideais de beleza.
Teito de Altamira Venus de Willendorf

Vídeo sobre Altamira
Se queres coñecer mellor a cova de Altamira, podes ollar este vídeo de 3' de duración.