Breve historia do pensamento económico

Sitio: Aula Virtual do IES Lamas de Abade
Curso: ECONOMÍA de 1º BACH.
Libro: Breve historia do pensamento económico
Imprimido por: Visiteur anonyme
Día: lunes, 21 de septiembre de 2026, 22:16

Descripción

Evolución do pensamento económico e algúns autores importantes.

Antecedentes

Os primeiros autores que se enfrontan aos feitos económicos obsérvanos dende unha óptica ética ou moral. Aristóteles, os tratadistas romanos ou os escolásticos tratan de xulgar moralmente cuestións tales como o tipo de interese, o xustiprezo ou as relacións laborais amo-escravo. Ese enfoque mantense durante toda a Idade Media.

No século XV xorde o mercantilismo. Non se trata xa de xulgar moralmente senón de recomendar aos gobernantes medidas políticas que enriquezan o país. A economía mundial é vista como un xogo no que o enriquecemento dun implica necesariamente o empobrecemento doutro. Destacan os autores da Escola de Salamanca.

A mediados do século XVIII un grupo de intelectuais franceses dirixidos por Quesnay, propoñen por primeira vez un esquema do funcionamento do sistema económico, o tableau economique. Son os fisiócratas consideran que a riqueza circula entre tres grupos sociais: a clase produtiva (os agricultores), a clase estéril (os artesáns e comerciantes) e os propietarios (a nobreza, o clero e os funcionarios). O Estado debe manter esta Orde Natural mediante tres regras: o dereito á propiedade, a liberdade económica (o laissez faire, laissez passer) e a seguridade no desfrute deses dereitos e liberdades.

Escola clásica

A publicación do libro A Riqueza das Nacións de Adam Smith en 1776, é considerado a orixe da Economía como ciencia. Os clásicos escribiron nunha época na que a industria estaba a coñecer un desenvolvemento sen precedentes. Un dos seus obxectivos principais foi a denuncia das ideas mercantilistas restritivas da libre competencia que estaban aínda moi estendidas na súa época. Outros autores clásicos son Malthus e Ricardo.

Escola Marxista

Karl Marx , discípulo de Ricardo, vive a primeira grande crise do capitalismo industrial na década de 1830 e a consecuente crise política de 1848. Ten polo tanto que dar unha explicación desas convulsións. A teoría que elabora predí a evolución socioeconómica futura e invita os traballadores a participar activamente acelerando a transformación do sistema.

Escola neoclásica ou marxinalista

Pero a corrente principal que emanou dos clásicos foi o marxinalismo tamén chamado neoclasicismo. As súas achegas inclúen os conceptos de custo de oportunidade, custo marxinal e equilibrio xeral que seguen sendo hoxe o corpo principal dos manuais de economía. Son os neoclásicos os que explican satisfactoriamente o problema do prezo dos diamantes e a auga: o prezo de todas as cousas é un resultado do equilibrio entre a súa oferta e a súa demanda.

Escola Keynesiana

Na década dos anos trinta os países de occidente sufriron a máis grave crise económica coñecida ata a data: a Gran Depresión. O marxinalismo non estaba capacitado para explicar ese fenómeno. En 1936 J.M. Keynes publica a súa Teoría Xeral da Ocupación, o Xuro e o Diñeiro, o libro que, sen dúbida ningunha, influíu de forma máis profunda na forma de vida das sociedades industriais tras a segunda Guerra Mundial.

Atendendo ás propostas keynesianas, os gobernos dos países industriais iniciaron unha activa política de intervención aumentando progresivamente os seus gastos e o peso do sector público.

Escola de Chicago ou os monetaristas

Durante os anos cincuenta e sesenta do século vinte, só un pequeno grupo, os monetaristas da chamada Escola de Chicago baixo o liderado de Milton Friedman, mantiveron un espírito crítico cos keynesianos. A crise económica dos anos setenta a presentar simultaneamente inflación e paro, algo inexplicable para os esquemas keynesianos, deulles a razón en moitas cuestións. Desta escola xorden as correntes neoliberais que dominaron a ciencia económica durante os anos setenta e oitenta.

PREGUNTAS

Busca unha breve biografía de François Quesnay.
Explica o significado de "laissez faire, laissez passer"
Busca unha breve biografía de Adam Smith.
Explica a que chama Adam Smith a man invisible.
¿Cal é a principal achega de Malthus?
¿Cales son os dous libros máis coñecidos de Marx?
¿A qué escola de pensamento económico pertence Marshall?
Busca unha breve biografía de J.M. Keynes.

Recursos:
http://www.eumed.net/economistas/index.htm