Ir ao contido principal
AV
  • Inicio
  • Calendario
  • Máis
Neste momento está usando o acceso para convidados
Acceder
AV
Inicio Calendario
Expandir todo Contraer todo

Bloques

Omitir Actividade recente

Actividade recente

Actividade dende martes, 18 de novembro de 2025, 9:41 PM
Informe completo da actividade recente...

Sen actividade recente

  1. LGLBEA
  2. Tema 1
  3. Comentario de texto

Comentario de texto

Requisitos do completado
Abertas: domingo, 22 de marzo de 2020, 12:00 AM
Pendente: domingo, 29 de marzo de 2020, 12:00 AM

Traballo sobre o texto para a semana do 23 de marzo

 O COMENTARIO CRÍTICO

  1. 1.       Que é?

 Consiste en expresar organizada e claramente unha valoración argumentada sobre un texto dado. Vanse valorar, polo tanto, dúas cuestións:

a)  A túa capacidade crítica: debes demostrar que tes os teus propios coñecementos e opinións e que sabes razoar a partir deles para contrastalos co que se di no texto.

 b)  A túa expresión lingüística: debes demostrar que es capaz de expresar as túas ideas de xeito organizado, correcto e eficaz.

Daquela, non debes empregar o comentario crítico para:

• Expoñer todos os coñecementos que posúas sobre o tema proposto, tomando o texto como un pretexto.

 • Expresar coñecementos moi xerais que poidan aplicarse a calquera texto, pero que non achegan nada relevante nin orixinal sobre o que se propón.

 • Tomar o texto como unha escusa para comentar cuestións secundarias ou alleas ao tema.

 • Repetir un resumo ampliado ou realizar unha paráfrase do texto proposto.

 • Adoptar un ton polémico, agresivo ou “de peloteo”. Nin o eloxio excesivo nin a crítica feroz son mostras de maior madurez, senón todo o contrario. Debes moderar as túas opinións, tanto no contido coma na forma, e expoñelas sen medo, pero sempre de xeito razoado.

 2. Como se fai un comentario crítico?

 O comentario ten dúas vertentes: as opinións e a correcta expresión desas opinións. As dúas son igualmente importantes no resultado final. Para saber o que pensas sobre un texto antes tes que comprendelo e para garantir unha correcta exposición do teu pensamento cómpre realizar un borrador. Por iso imos distinguir unha fase de preparación e outra de redacción do comentario. Para a preparación do comentario podes seguir estes pasos:

 3.-Que di o texto?

1º Dálle unha lectura xeral ao texto e soluciona todas as dúbidas sobre o significado das súas palabras.

2º Realiza unha segunda lectura subliñando o máis importante de cada parágrafo.

3º Extrae a idea principal de cada parágrafo e mais as ideas secundarias, intentando establecer relacións entre elas. Podes empregar as marxes para facer anotacións.

4º Resume o texto, así obterás unha expresión obxectiva das súas ideas fundamentais.

5º Establece o tema do texto. 

 

 

4.-Que opino sobre o texto?

Agora que xa sabes o que se di no texto tes que reflexionar sobre o que sabes ti dese tema e sobre o que pensas das ideas expresadas nel, é dicir, tes que decidir que tese vas defender e con que argumentos.  Para que a túa tese quede ben defendida é conveniente que combines distintos tipos de argumentos dos estudados  e procura evitar os seguintes erros:

• Argumentos de apelación á forza ou ofensivos: Levo vinte anos conducindo e non admito que ninguén me diga o que teño que facer. Os axentes de tráfico son todos uns chulos,  só queren amolar e racadar cartos.

• Argumentos de falsa relación causa-efecto: A mocidade consome  moito alcohol, de aí que provoque moitos accidentes.

• Argumentos de xeneralización: Onte morreu un mozo nun accidente por exceso de velocidade; a xente moza nunca respecta os límites de velocidade.

 • Argumento baseado en prexuízos: A proba de que as mulleres son peores condutoras que os homes é que hai menos mulleres con carné.  

 5.-Como expreso a miña opinión?

Cando saibas o que pensas tes que expresalo. Para garantir a calidade e a rapidez da redacción definitiva do comentario convenche realizar un borrador. Atende ás seguintes pautas:

 • A extensión aproximada do comentario son 20 liñas e non terás moito tempo, así que debes seleccionar e organizar ben as túas ideas.

 • É recomendable que o texto presente tres partes: introdución, desenvolvemento e conclusión. (Daquela deberá contar, como mínimo, con tres parágrafos). Nesta fase debes esquematizar o que vas incluír en cada unha.

  1. Introdución: debe ser breve (un parágrafo) e pode enlazar coa lectura do texto, recollendo a súa idea principal (xa a terías determinada cando fixeches o tema do texto). Podes opinar sobre a importancia e actualidade do tema ou sobre a orixinalidade ou o enfoque co que está tratado o asunto.
  2. Desenvolvemento: é a parte máis extensa e pode conter máis dun parágrafo. Aquí debes expoñer os teus argumentos, ordenados e relacionados. Evita as contradicións, as repeticións e as afirmacións non razoadas.
  3.  Conclusión: debe ser breve (un só parágrafo) e resumir a esencia do exposto anteriormente, é dicir, debes expoñer a tese que defendiches. O que expreses aquí vai ser o que configure a impresión xeral do comentario na mente de quen o lea, por iso convén meditalo ben.

 d) Unha vez realizado o esquema-borrador debes realizar a redacción definitiva; non esquezas que é tan importante a corrección da expresión coma a calidade da túa argumentación.

As persoas que traballamos na Sanidade levamos días horrorizadas. Non precisamente polo avance imparable do coronavirus, senón pola completa desinformación e escasa solidariedade fomentada polos grandes medios de comunicación. Concretamente, o feito de que se esgoten as máscaras sanitarias nas farmacias e nos hospitais (estas últimas roubadas directamente por parte do propio  persoal) coloca en grave risco as persoas inmunodeprimidas, que as empregan para evitar contaxios de enfermidades infecciosas que se transmiten por microgotas ou por fluídos. Para as persoas transplantadas ou con doenzas oncolóxicas o perigo non é o coronavirus en concreto, senón calquera tipo de virus que lles poida provocar, no canto dun arrefriado común, un grave problema respiratorio.

 Os virus respiratorios transmítense case todos eles por diminutas gotas de líquido que expulsamos ao falar e por contacto con fluídos corporais, xeralmente a través das mans. Por isto, as principais medidas que hai que ter en conta no caso de ter calquera síntoma de tipo respiratorio, e como medida de hixiene xeral, son o lavado de mans e tusir ou espirrar en panos de papel desbotables ou na cara interna do cóbado. Estas son todas as medidas que a OMS propón para control das enfermidades respiratorias na poboación xeral. Por suposto, no caso de persoas das que se sospeita risco de infección pola sintomatoloxía que presentan e polos lugares nos que estiveron nos últimos días, as medidas para previr o contaxio son máis estritas, e poden incluír máscaras. Porén, o seu uso xeneralizado na poboación sa non parece que preveña nada e non está demostrado que diminúa o risco de contaxio, polo que non se recomenda. Tampouco a hixiene de mans con produtos específicos, como xeles desinfectactes, parece que preveña o contaxio máis aló do simple lavado con auga e xabón. O problema, dende o meu punto de vista é conceptual. Todas estas medidas van dirixidas a que un individuo portador diminúa a posibilidade de contaxiar outras persoas, pero a compra compulsiva de máscaras é un acto completamente egoísta, que pretende evitar o contaxio persoal e non a expansión da enfermidade. Non lles importa tanto non contaxiar como non ser contaxiados. No mellor dos casos, denota descoñecemento e, no peor, pura indiferenza cara á saúde do resto das persoas.

Iria Veiga

 Médica do Servizo Galego de Saúde

Texto

  1. Fai o resumo do texto.
  2. Cal é o tema?
  3. En cantas partes estruturarías o contido?
  4. Facede un comentario crítico.
  5. Definide as palabra subliñadas con dobre liña.
  6. Clasificade os adxectivos (especificativos e explicativos) do primeiro parágrafo.
  7. Formade a familia léxica de XENERALIZADO e indicade cales son as formas cultas e patrimoniais. Xustificade se é unha familia léxica regular ou irregular. O seu étimo é GENERALE. Que cambios sufriu esta palabra?
  8. Xustifica a ortografía das dúas palabras subliñadas no texto: Produto e estrita. Que cambios sufriu o grupo CT?

 

 

Neste momento está usando o acceso para convidados (Acceder)
Resumo da retención de datos
Políticas
Obter a apli móbil
Fornecido por Moodle