Section outline

  • "Moito tes que saber, se cogomelos queres comer"

    O 8 de novembro de 2023 foi unha xornada recordable no IES Francisco Daviña Rey coa realización dunha actividade complementaria que podemos incluír dentro do plan proxecta O Monte Vivo.

     Esta experiencia educativa comezou realmente a semana anterior cando se encomendou aos estudantes de 1º da ESO a tarefa de colleitar diversos tipos de cogomelos no monte e traelos ao instituto co propósito de clasificalos baixo a guía dun experto en micoloxía.

    O 8 de novembro, recibimos a visita de Carlos Pérez, experto en cogomelos e presidente da Asociación Os Lactouros. Esta asociación posúe unha extensa traxectoria na promoción e divulgación da micoloxía na comarca de Lemos. Ademais, Carlos Pérez é o dono da empresa "Terras de María Castaña," que se dedica principalmente á plantación, produción e venda de produtos frescos e ecolóxicos, seguindo o lema "do horto ao prato". A xornada iniciouse a primeira hora na aula, onde Carlos brindounos unha esclarecedora charla dunha hora e media baixo o título "Iniciación a Micoloxía". Nesta charla, destacou principalmente os diferentes tipos de cogomelos que podiamos atopar no monte, facendo fincapé en se son comestibles ou non e diferenciando se se achaban en prados, piñeirais, carballeiras ou noutros ecosistemas.

    Posteriormente, subímonos a un autobús proporcionado polo propio IES e dirixímonos cara á área recreativa Os Trollos, situada no concello de Bóveda. Alí, fomos recibidos por un axente forestal da Xunta de Galicia, quen nos guiou a través das distintas zonas da área recreativa, introduciunos na biodiversidade do lugar e, aproveitando a tempada de outono, explicounos a caída das follas e a procura de cogomelos, que debido ás recentes choivas se esperaba que fosen abundantes. Ademais, o axente forestal resaltou a necesidade de preservar o monte e protexelo de diversas accións humanas, como incendios, talas descontroladas e a acumulación de lixo.

    O obxectivo principal desta saída era levar a cabo unha andaina (camiñada) para atopar e analizar, coa axuda do experto micolóxico, diferentes tipos de cogomelos no monte. Podemos afirmar que foi un rotundo éxito, xa que atopamos unha gran diversidade de cogomelos. Colleitamos mostras dos diferentes tipos para, posteriormente, regresar ao instituto e levar a cabo a realización dunha exposición na biblioteca do centro, onde presentaremos durante uns días os cogomelos atopados, tanto o seu nome común como o seu nome técnico.

    Esta actividade fomentou a participación activa dos estudantes, quenes demostraron un gran interese pola montaña e os cogomelos. Tamén se resolveron algunhas dúbidas que lles xurdiran durante as súas saídas particulares pola montaña. En resumo, esta experiencia foi unha oportunidade para conectar coa natureza, aprender sobre a micoloxía e fomentar a conciencia ambiental. Finalmente, é o noso desexo que esta actividade inspire aos estudantes para ser conscientes da importancia de minimizar o impacto humano no monte e a contribuír á súa preservación.

    Posdata: Agardamos que coa saída ao monte e a busca de cogomelos houbese una nula ou mínima afectación ao medio.