Section outline

  • Tentarase facer unha exposición e unha visita guiada por axentes forestais a una zona arrasada polos incendios dos pasados veráns para concienciarse do problema que ocasionan e analizar as posibles medidas reparadoras.

    Tódolos participantes neste proxecto pensamos que podemos axudar dende as diferentes materias á prevención dos incendios forestais. Para iso programaremos, como xa vimos facendo, visitas ós lugares de traballo das brigadas forestais (no caso de Monforte á base de Marroxo e Doade onde están helicópteros e avionetas) e as instalacións do Distrito Forestal VIII.

    Unha vez analizadas as causas e os posibles motivos polo que existen incendios forestais, realizarase un proxecto no que se traballará con tecnoloxías de impresión 3D e métodos de deseño para analizar , propoñer e crear a escala depósitos de captación de auga eficientes destinados á prevención de incendios e que se poidan usar tamén para rego de diferentes replantacións en zonas queimadas. Os alumnos e alumnas utilizarán impresoras 3D para desenvolver prototipos e analizarán a súa resistencia e durabilidade tendo en conta os diferentes materiais cos que se poden facer na realidade. Tamén colaborarán con expertos e identificarán ubicacións estratéxicas para a instalación destes depósitos. Buscarase non só fomentar a innovación tecnolóxica, senón tamén contribuír á prevención de incendios e á sustentabilidade ambiental.

    Por outra banda, os alumnos e alumnas aprenderán a programar un algoritmo simple que avalía o risco de incendios forestais baseado en datos meteorolóxicos como poden ser a temperatura, o vento e a humidade. Mediante este algoritmo, o alumnado comprenderá como os factores climáticos inflúen no risco de incendios e contribuirá á concienciación sobre a prevención destes incidentes. O proxecto busca non só ensinar conceptos básicos de programación, senón tamén educar sobre a importancia da seguridade ambiental e a prevención de incendios forestais. Intentarase facer presentacións co programa de programación SCRATCH, crearanse interaccións entre personaxes e diferentes escenarios. Os estudantes engadirán mensaxes educativas sobre a prevención de incendios, como consellos de seguridade e que facer en caso de incendio.

    Tendo en conta a replantación descrita anteriormente, faránse saídas ó redor do IES (por exemplo a área recreativa Os Trollos en Bóveda) para coñecer os nosos montes e a súa biodiversidade, aproveitando as diferentes estacións para recoñecer os principais compoñentes (fungos, a caída da folla, floración e frutificación, fauna...) e o recoñecemento das principais especies arbóreas e arbustivas, collendo unha cantidade mínima de exemplares para facer un herbario. No herbario constarán tódolos datos necesarios e ademais incluirán os nomes en galego típicos da súa zona, preguntando a familiares, ós vellos do lugar, etc. Tentarase así enriquecer o traballo de xeito multidisciplinar.

    Proporase ó alumando unha recolleita, sementado e coidado de sementes de especies autóctonas preto do IES. Cando estean ben desenvolvidas cada alumno e alumna a plantará nun bosque preto da súa casa. Realizaranse durante o curso diversas actividades de concienciación e divulgación (vídeos, exposicións,...).

    Durante o curso iremos elaborando artigos para o blog coas actividades realizadas. Ó final de curso realizarase un informe final sobre tódalas actividades realizadas.

    A metodoloxía de traballo será principalmente investigadora, mediante o proceso de busca de problemas, detección e análise, observación reflexiva, proposta de plan de atallo, e accións correctoras. Tamén empregarase unha metodoloxía participativa e colaborativa, dende o maior

    número de perspectivas posible e aplicando ó máximo a todo o colectivo do Centro (alumnado, profesorado, pais, persoal non docente,...), xa

    que queremos concienciar sobre a ruína que implica a destrución do monte polos incendios forestais, non só a nivel de biodiversidade, senón tamén económica e social.