Section outline

  • Durante o curso 2024-2025, o alumnado de 1º da ESO desenvolveu na materia de Tecnoloxía e Dixitalización o proxecto titulado “A produción de mel na Ribeira Sacra”. A proposta educativa centrouse na relación entre a apicultura sostible e a conservación do monte, partindo da realidade e posibilidades do entorno natural próximo ao centro.

    Fase 1. Investigación sobre antecedentes e redacción dixital (Unidade 3: Utilización das TIC no proceso tecnolóxico)

    Ferramentas utilizadas: LibreOffice Writer e Navegación segura por Internet.

    O alumnado iniciou o proxecto cun traballo de investigación documental, centrado en recoller antecedentes históricos e situación actual da produción de mel na Ribeira Sacra, e na análise da súa relación co coidado do monte e a biodiversidade. Esta tarefa tivo como obxectivo concienciar sobre a importancia das abellas como axentes polinizadores e a necesidade de manter ecosistemas forestais sans e diversos.

    A redacción final realizouse con LibreOffice Writer, reforzando así a competencia dixital e documental, o uso ético da información e o manexo de procesadores de texto como ferramenta de comunicación técnica.

    Fase 2. Propostas de localización de colmeas (Traballo con datos e contorna natural)

    Ferramentas utilizadas: LibreOffice Calc · Google Maps · Recolleita e análise de variables.

    Partindo das conclusións da investigación, os grupos de alumnado fixeron propostas razoadas de zonas axeitadas para a instalación de colmeas no entorno de Monforte de Lemos. Para iso, tiveron en conta criterios ambientais fundamentais como:

    • Altitude.

    • Proximidade a fontes de auga.

    • Presenza de flora melífera e cultivos próximos.

    • Protección contra o vento.

    • Accesibilidade e impacto no medio.

    Esta tarefa permitiu traballar o pensamento crítico, a capacidade de análise e a toma de decisións sostibles, aliñadas cos principios do Plan Proxecta sobre o coñecemento e respecto do monte galego. Ademais, fíxose uso de LibreOffice Calc para organizar e comparar os datos, reforzando así a alfabetización matemática e dixital.

    Fase 3. Deseño e expresión gráfica en 3D: colmeas e paneis internos

    Ferramenta utilizada: Tinkercad

    Nunha terceira fase, dentro da unidade de expresión gráfica, o alumnado deseñou con Tinkercad unha colmea en tres dimensións, incluíndo os paneis interiores e a súa estrutura básica. Esta tarefa foi clave para visualizar a arquitectura apícola, comprender a súa funcionalidade e aplicar o deseño 3D con fins técnicos e produtivos.

    A actividade serviu como alternativa virtual á creación dunha maqueta física, que estaba prevista para realizarse no obradoiro de tecnoloxía, mais non foi posible diferentes cuestións. Aínda así, o uso de ferramentas dixitais compensou a parte práctica e permitiu desenvolver a competencia espacial e tecnolóxica do alumnado.

    Fase 4. Investigación sobre tipos de colmeas e ameaza da velutina

    Actividade transversal con carácter ambiental.

    Unha parte do proxecto estivo dedicada á investigación sobre os diferentes modelos de colmeas (tradicional, Langstroth, horizontal, etc.) e os problemas que afrontan os apicultores galegos na actualidade, especialmente a loita contra a avespa velutina.

    Esta análise serviu para:

    • Entender os retos reais da conservación da apicultura.

    • Valorar a importancia de actuar desde o respecto e o coidado do monte.

    • Fomentar o espírito emprendedor e investigador do alumnado, propoñendo solucións técnicas ou ideas para combater a velutina.

    Fase 5. Programación de avaliación de localizacións

    Ferramenta utilizada: PSeInt.

    Na última fase, o alumnado desenvolveu un programa sinxelo que permite avaliar se unha localización é adecuada para colocar colmeas, tendo en conta variables como altitude, exposición ao vento, presenza de flores, proximidade a cultivos e acceso á auga.

    Esta tarefa contribuíu a:

    • Aplicar a programación a problemas reais.

    • Reforzar o pensamento lóxico e a capacidade de resolución de problemas.

    • Fomentar a visión integradora entre tecnoloxía e medio ambiente, aspecto clave no Plan Proxecta “O monte vivo”.


    Conclusión

    O proxecto “A produción de mel na Ribeira Sacra” supuxo unha oportunidade para traballar de forma competencial, interdisciplinar e contextualizada, poñendo en práctica os contidos da materia de Tecnoloxía e Dixitalización ao servizo dunha finalidade maior: contribuír á conservación do monte e ao coñecemento da realidade ambiental da contorna.

    O uso de ferramentas dixitais, técnicas de investigación, análise de datos, deseño gráfico e programación demostra que a tecnoloxía pode ser unha aliada clave para educar na sostibilidade, na biodiversidade e no compromiso co territorio.