Section outline

  • O IES Francisco Daviña Rey mergullouse no fascinante mundo dos fungos coa exposición “Wood Wide Web, unha rede que dá vida ao planeta”

    Durante o mes de novembro de 2024, o noso centro tivo o privilexio de acoller na biblioteca a exposición “Wood Wide Web, unha rede que dá vida ao planeta”, unha mostra itinerante cedida pola asociación AMABUL ("Ama a Diversidade Ulla") e financiada pola Deputación da Coruña.

    A exposición foi presentada a todo o alumnado e tiña como obxectivo poñer en valor a importancia ecolóxica e ambiental dos fungos, destacando o seu papel esencial na saúde dos ecosistemas forestais. Estruturada en cinco bloques —A internet dos bosques, Os compoñentes da internet, As app da Wood Wide Web, Os servizos da Wood Wide Web e Mantemento da Wood Wide Web—, convidaba á reflexión crítica sobre os usos actuais dos cogomelos e a súa necesaria conservación.

    Durante esas semanas, o alumnado de 1º da ESO foi protagonista activo da actividade. Non só visitaron a exposición, senón que tamén participaron na elaboración dun Kahoot, como o ano pasado, sobre os contidos tratados, incluíndo información dispoñible na web da asociación. Este xogo serviu como ferramenta de repaso e dinamización, permitindo avaliar os coñecementos adquiridos de maneira lúdica e colaborativa.

    Ademais, na biblioteca realizáronse xogos e dinámicas didácticas relacionados coa temática, que permitiron ao alumnado afondar na comprensión do funcionamento da “internet dos bosques” e na importancia da micoloxía para o equilibrio dos ecosistemas.

    En conxunto, esta proposta resultou ser unha experiencia educativa enriquecedora, que combinou divulgación científica, conciencia ambiental e aprendizaxe activa.