Presentación

Presentación do proxecto

O mundo das TIC é hoxe en dia unha enorme fonte de recursos, imposíbel de abarcar en toda a sua dimensión por muitas razóns, entre outras:

    • a inxente cantidade de posibilidades que oferece;
    • o efímero de algunhas das propostas que a priori poden captar o noso interese;
    • o esforzo que require o manexo de algunhas das aplicacións e servizos se desexamos tirar-lle toda a sua potencialidade;
    • a existéncia de aplicativos pouco flexíbeis á hora de traballar en integración con diversos médios;
    • a dificuldade en discriminar entre o bombardeo de materiais de ínfima calidade aqueles recursos realmente valiosos e ben deseñados;
    • a dificuldade de permanecer constantemente ao tanto dos avances que van aparecendo a un ritmo imposíbel de manter.

Por todo isto é conveniente que pensemos realmente que é o que demandamos das TIC, que posibilidades oferecen, para facer que, en que aspectos mellora o noso sistema educativo e en que casos pode resultar un atranco.

Desde este ponto de vista, esta guia quere ser un espazo no que se favoreza o coñecimento dos recursos que temos neste momento, incorporando de forma dinámica os cámbios que se vaian producindo. Mas tamén se pretende que sexa un documento formativo e informativo no que se podan ir resolvendo as caréncias formativas de aquela parte do profesorado que desexe unha orientación cara o uso de algún dos recursos, tanto a nível de nova usuária como de persoa con formación mais avanzada, ou ben no que se presenten novas posibilidades que a tecnoloxia, as institucións e as redes vaian poñendo a disposición da comunidade.

Tratará-se de involucrar ademais ao alunado e ás suas famílias, con especial atención ás de nova incorporación,  no coñecimento e uso dos recursos e servizos web que o centro e as administracións educativas poñen ao seu alcance.

Favorecerán-se polo tanto a comunicación bidirecional, a demanda de formación e de información, a guia polos recursos existentes e outros de nova incorporación e a resolución de problemas concretos derivados da utilización destes recursos, ou a suxestión de novos servizos a implementar ou desenvolver.