PREPOSICIÓNS E LOCUCIÓNS PREPOSITIVAS

Sitio: Aula Virtual Fontexería
Curso: Ortografía e gramática
Libro: PREPOSICIÓNS E LOCUCIÓNS PREPOSITIVAS
Impreso por: Guest user
Data: venres, 21 de novembro de 2025, 1:01 AM

Descrición

Gramática

As preposicións son relacionantes que fan de nexo entre dous elementos, convertendo o segundo en complemento do primeiro. Son vocábulos invariables, os máis só teñen significado gramatical.
a
Debemos evitar usala erradamente (castelanismos):
  • nas perífrases de futuridade ou intención co verbo ir: vou *a pintar un cadro / vou pintar un cadro, voullo *a dicir / voullo dicir.
  • nas perífrases reiterativas con volver: volveuno *a facer / volveuno facer, non volvades *a falar / non volvades falar.
  • logo dun infinitivo subordinado a un nome para indicar acción obrigatoria: foi o prezo *a pagar polo erro / foi o prezo que tivemos que pagar, expuxo a liña *a seguir / expuxo a liña que pensaba seguir.
  • tampouco se usa co complemento directo: o público apoia *aos xogadores / o público apoia os xogadores, asustaron *ao inimigo / asustaron o inimigo, levou canda el *a todos os nenos / levou canda el todos os nenos. Pero si noutros casos, sobre todo para evitar confusión: coñéceo a el, criticou a súa irmá, viu a Xoaquín, apoian os socios aos directivos?
ante / perante: non son sinónimos.
perante: - “en presenza de”: declararon *ante o xuíz / declararon perante o xuíz.
non é sinónimo de durante: enfermou *perante tres anos / durante tres anos

ata (até) / deica: ata pódese usar sempre cos valores de deica, pero non ao revés, pois deica indica “desde aquí a” ou “desde agora a”: deica mañá, deica o cume hai un bo treito.
Así: de Muros *deica Lira hai 12 quilómetros / de Muros ata/a Lira hai…, desde principios de século *deica hoxe / …ata…
Pero si: vou contigo deica/ata a vila, o prazo vai desde hoxe deica/ata o trinta, deica/ata logo

baixo: algúns usos frecuentes son incorrectos:
  • para expresar punto de partida ou concordancia con algo ou alguén: *baixo ese punto de vista é ilegal / desde ese punto de vista…
  • para indicar modo ou circunstancias dunha acción: *baixo aquelas circunstancias suspenderon a partida / naquelas (por mor, debido a…) circunstancias…
cabo (de): sentou cabo da moza.

canda: indica compañía ou simultaneidade no tempo: vinde canda nós, emigrou canda a crise.

cas, (en) cas (de): vai (en) cas María

con: introduce complemento directo con algúns verbos: tirou con todo, acabou coa froita.

contra: tamén indica localización imprecisa no espazo e no tempo: camiñan contra Lariño, quedamos contra a noitiña.

de: non se debe empregar cos verbos de pensamento: penso *de que / penso que, opinan *de que / opinan que…

dende, desde, des

en

entre (non *antre): nunca debe ir precedida de de:
*de entre todas escolleu a máis grande / entre todas… ,
escolleron unha comisión *de entre os presentes / … entre os presentes.

malia (a pesar de, pese a): malia os atrancos (a pesar dos atrancos) dérono feito.
Non *a pesares de: *a pesares de todo deu chegado / a pesar de todo..., malia todo...

onda: está onda a praza, levárona onda súa nai, ven onda min.

para (non *pra); por; sen (non *sin)

perante (ver ante)

so (“baixo, debaixo de”): o lapis está so o libro, o gato está so a mesa.
Reparade na diferencia: so/só: está so a mesa / o gato está só.

sobre: concorre coas locucións acerca de / verbo de para indicar movemento arredor dun asunto: falaron sobre/acerca de/verbo do cambio climático.

tras: podemos contraela ou non co artigo: está tras a casa ou está trala casa, tamén está tras da casa.

xunta

Preposicións impropias: orixinariamente adxectivos, verbos ou adverbios habilitados como preposicións; non son átonas coma as propias e rexen pronome persoal tónico:

agás (aga), bardante, excepto, fóra, menos, quitado, quitando, sacado, sacando, salvo, senón; a/de non ser: úsanse para indicar exclusión: estaban todos agás (excepto, menos…) o pai; acerteinos todos, senón (quitando, fóra…) tres.

conforme, consonte, segundo (non *según, *asegún): expresan conformidade ou concordancia (“de acordo con”): fixérono consonte (conforme, segundo) o acordado. Conforme e consonte non levan a preposición a: conforme *ao regulamento / conforme o regulamento.

durante; mediante

abaixo de, debaixo de.

arriba de, derriba de, enriba de, riba de, por riba de; encol de: a avioneta voa encol da ría, pon o prato encol da mesa.

diante de: non se debe usar co significado “en presenza de”: asinaron o documento *diante do notario / asinaron perante notario.

detrás de, atras de, tras de…; fronte a/de; cerca de, preto de; lonxe de; xunto a, xunto de; xunto con

arredor de, ao redor de, derredor de; dentro de; fóra de; antes de; despois de

ademais de, amais de, á parte de, de por parte de: Non *a parte: *a parte deles había outros / á parte delas había outras.

cara a (nunca *cara nin *hacia), indica:
  • dirección dun movemento: vai cara a Louro;
  • tendencia e inclinación: virou cara ás esquerdas;
  • localización espacial ou temporal imprecisa: vai cara á praia, virá cara ao inverno.
Sempre leva a preposición a: cara *a praia / cara á praia; cara *o porto / cara ao porto; *cara Esteiro / cara a Esteiro.
Sempre ha indicar dirección: o respecto *cara a natureza / respecto pola natureza; botou aldraxes *cara ao xefe / contra o xefe.

a pesar de, pese a ( ver malia)

acerca de, respecto a/de, tocante a, verbo de, en canto a: respecto á (tocante á, verbo da…) súa demisión, mellor calar; acerca desas andainas: verbo desas andainas...

á beira de, beira de, a/de/en/ao par de, ao lado de, ao pé de, a/ao carón de, a rente(s) de, ao son de: queda ao son (á beira, ao pé, a carón…) da casa.

a/por causa de, por cousa de, por culpa de, por mor de: perdeuse o froito por mor da seca.

a/á forza de, a poder de, a por de

a/en prol de, a/en favor de: disertou a prol da paz.

a través de, por medio de

co gallo de, expresa razón ou causa: co gallo do aniversario, fixeron unha festa.

en vez de, en troques de, no canto de, en lugar de, no sitio de: no canto de vires, mandas recado.
*a parte de: á parte de
*de entre: entre
*a pesares de: a pesar de, pese a, malia
*frente a: fronte a
*a redor de: arredor de
*hacia: cara a, a, contra
*acarón de: a carón de
*hasta, *hastra: ata, até
*antre: entre
*perto de: preto de
*arrente(s) de: a rente(s) de
*para: para
*asegún: segundo, conforme, consonte
*según: segundo, conforme…
*cara: cara a
*sin: sen
*conforme a: conforme
*respeto a/de: respecto a/de
*consonte a: consonte