O VERBO

1. Diferenzas da nosa fala co estándar:

1.1. As p4 e p5 de copretérito, antepretérito e pospretérito de indicativo son
  • graves: andabamos, andabades; andaramos, andarades; andariamos, andariades;
  • esdrúxulas na nosa fala: *andábamos, *andárades, *andaríamos…
Cómpre, polo tanto, non acentualas na escrita.

1.2. As p2 e p5 do pretérito levan como SNP

  • no estándar: -ches, -stes: ti andaches, vós andastes;
  • na nosa fala -stes, -stedes: ti *andastes, vós *andástedes

1.3. A VT da p2 do pretérito da CII é

  • no estándar -i- : ti com-i-ches, ti tem-i-ches;
  • na nosa fala -e-: ti *com-e-eches , *com-e-stes.

1.4. A p3 do pretérito das CII e CIII levan como VT

  • no estándar, a do seu infinitivo: varr-e-u de varr-e-r; part-i-u de part-i-r;
  • pero na nosa bisbarra harmonizámolas consonte a fala respectiva:
    • *varr-i-u, part-i-u na fala fisterrá norteña (de Louro para norte)
    • varr-e-u, *part-e-u na fala fisterrá sureña (de Muros para sur).

1.5. As p4 e p5 do infinitivo conxugado levan -r- como SMT

  • no estándar -r-: and-a-r-mos, and-a-r-des;
  • na nosa fala usamos -re-: *and-á-re-mos, *and-á-re-des.

2. Son regulares os verbos seguintes:

2.1. andar, coa raíz sempre and-: andei, andou, andarades, andasen…;
non *anduv- nin *andiv-: *anduven, *andivo, *andivera

2.2. Nos verbos regulares crer, ler, rir e derivados (descrer, reler, sorrir...) prodúcense certas contraccións: les, cres, ris; non *lees,* crees, *ries
liches, criches, riches; non *leiches,* creiches, *reiches
lemos, cremos, rimos…; non *leemos, *creedes, *reiron

2.3. Son regulares os rematados en

-cer
: acontecer, adoecer, agradecer, aparecer, coñecer (*conocer), crecer, obedecer, escurecer (*oscurecer), nacer…:
carezo, coñezo; obedeza, naza…; nunca *aparezco, *aparezca, *obedezca…

-cir
: conducir, introducir, producir, reducir, traducir…:
conduzo, conduza, conducín…; nunca *conduzco, *traduzca, *traduxen…
Exceptúanse os irregulares facer e dicir.

2.4. Son regulares os rematados en –uír: incluír, atribuír, construír, diminuír (*disminuír), posuír (*poseer)…:
inclúo, inclúa; posúo, posuín, posúa…;
non *incluio, *construia, *atribuia, *poseo…

2.5. Son regulares os rematados en
-ear: nomear (*nombrar), cear (*cenar), encadear (*encadenar)…:
nomeo, nomeei; ceo, ceei; encadeamos…

-oar
: amontoar, enxaboar, repoboar (*enxabonar), coar(*colar), perdoar (perdonar), magoar, acaroar, coroar, soar, abotoar, voar:
abotoo, abotoei, enxaboei, perdoe…;
nunca *abotonas, *repoblamos, *colar, *perdone, *coronado…

2.6. Introducen -i- na p1 do presente de indicativo e en todo o presente de subxuntivo os verbos rematados en
-aer: caer (decaer, recaer)e os derivados de traer (este é irregular): atraer, distraer:
caio, caes…; caias, caias caia…; distraio, distraia, distraias…
Na nosa fala adoitamos facer *trao, *caamos
Reparemos: caiamos, saiamos son subxuntivos, fronte ao copretérito caïamos, saïamos, con diérese por mor de marcar o hiato; estas na nosa fala son esdrúxulas: *caíamos, *saíamos.

-oer: choer (“pechar”), doer, moer (remoer), proer (“picar o corpo”, *escocer), roer (corroer): moio, moiamos, roiades, doian… que na nosa fala facemos *doa, *roa…

-aír: saír, sobresaír…: saio, saian.
Cómpre evitar o castelanismo *salir (*salo, *salan…)

-oír: oír, desoír…: oio, desoiades, que na nosa fala adoitamos facer *oa, *desoan…
O verbo oír ten a variante ouvir, irregular, coas dúas raíces
ouv- en case todos os tempos: ouves, ouvía, ouviu, ouvise
ouz- só na p1 do pste. de indicativo: ouzo (logo ouves, ouve, ouvimos…)
e en todo o pste. de subxuntivo: ouza, ouzas