Boa tarde mozas e mozos, agardo
que tod@s esteades ben, desfrutando das vacacións que é o que toca
neste momento, mais como penso que a lectura dun bo libro tamén pode ser
un marabilloso momento de desfrute, aquí vos vai o título do libro que
ides ter que ler para a segunda avaliación, por se vos apetece comezar a
lelo agora que non tedes ningunha outra actividade escolar. O libro do que vos falo é A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, publicado pola Editorial Galaxia
Déixovos a seguir, unha guía para facilitar a lectura.
GUÍA DE LECTURA A ESMORGA
1. ANTES DE COMEZAR A LER:
1.1 QUEN ESCRIBIU O LIBRO?
A Esmorga publicouse por primeira vez en Bos Aires en 1959, cando España levaba xa dúas décadas de goberno ditatorial dirixido polo xeneral Franco e despois de intentalo na Galiza a Editorial Galaxia sen éxito en 1955 a causa da censura. O seu autor, Eduardo Blanco Amor, que tiña daquela 60 anos, levaba vivindo na capital arxentina a maior parte da súa vida, a onde emigrara con tan só 20 anos.
Eduardo Blanco Amor é un dos autores máis interesantes da literatura galega, tanto polo seu valor literario como pola complexidade da súa vida. Marcado polo amor da súa nai e polo abandono do fogar do seu pai, ten unha personalidade controvertida, que o leva a marchar da casa aos quince anos e que, despois de ser formado intelectual e literariamente por Vicente Risco, o empurra a emigrar a América onde se fará un famoso xornalista no importante xornal Arxentino La Nación.
A pesar do seu afastamento físico da Terra na que nacera, non deixou de participar activamente no movemento nacionalista que se desenvolveu a partir de 1916 arredor das Irmandades da Fala e a Xeración Nós, tempo no que destacou como poeta en lingua galega.
Durante o período da Guerra Civil (1936-1939) apoiou dende os xornais bonaerenses nos que colaboraba a lexitimidade do bando republicano, o que lle impediu o regreso a Galiza durante os anos máis duros da represión franquista. O libro traído a Galicia clandestinamente e distribuído entre un público non moi numeroso, acada, no entanto, un importante éxito e sinala un fito na renovación da nosa narrativa de posguerra.
Pouco tempo despois, en 1962, Eduardo Blanco Amor volta definitivamente a Galicia, onde pasa os seus derradeiros anos, que decorren entre a súa cidade natal (Ourense), Santiago e Vigo, onde falece en 1979. As outras dúas obras narrativas en galego máis recoñecidas, Os biosbardos e Xente ao lonxe, publícanse nesta última etapa.
1.2. QUE TE PODE MOTIVAR PARA LELO?
A esmorga foi un libro que conseguiu moito éxito de público e crítica. Como mostra podemos sinalar as varias reedicións que tivo o libro, sobre todo cando xa morrera o autor. Axiña se converteu nun clásico da narrativa galega, cuxo contido foi obxecto de reelaboración noutros formatos artísticos: teatro, banda deseñada, música, cine...
No libro-cd editado en Ourense co gallo do 50 aniversario da súa publicación (EBA 5.0. O universo de Eduardo Blanco Amor, 50 anos despois d'A esmorga) podes ler, por exemplo, un cómic que versiona episodios do libro, meterte na pel dos personaxes a través dun xogo de rol ou escoitar varias cancións de grupos galegos baseados no contido da novela.
Entre estes grupos musicais, temos a Guezos, deles é o tema rock "A esmorga", que podes ouvir no enlace: https://youtu.be/gTmLcIchOBQ
A película de Ignacio Vilar:
https://www.vialacteafilmes.gal/filmes/a-esmorga/
ou a obra de Sarabela Teatro: https://youtu.be/Wekf3PRaR6E
1.3. QUE É CONVENIENTE QUE SAIBAS PARA ENTENDERES E GOZARES DO LIBRO?
O primeiro que quizais che chame a atención é a linguaxe utilizada polo protagonista, que non se adapta en absoluto ao galego normativo que estás a aprender nas aulas. O texto inclúe moitos vulgarismos, castelanismos e algún dialectalismos de Ourense e moitas palabras inventadas polo propio Blanco Amor. O importante non é, por tanto, que identifiques con exactitude o significado de cada palabra por separado, senón que vaias entendendo o sentido global do enunciado. Tamén que captes os matices emocionais, sociolóxicos ou incluso humorísticos que xiran arredor desas "palabras raras", posto que con elas o autor intenta facer un retrato dese personaxe marxinal e marxinado, que nin sequera fala o que a sociedade ben-pensante cre que é o que se debe falar. Fíxate na relación que pode haber entre estes catro items:
-O Cibrán non está casado legalmente, senón amigado cunha prostituta.
-O Cibrán traballa construíndo unha estrada pero non ten un contrato legal de traballo.
-O Cibrán ten unha doenza psíquico-física para a que non recibe un tratamento médico: automedícase inxerindo bebidas alcohólicas.
-O Cibrán fala un idioma que non é o oficial-legal do Estado no que vive, e, ademais, non o fala coas palabras que os académicos consideran correctas.
Aparecerán ao longo da lectura moitos topónimos e antropónimos, entre estes últimos, moitos alcumes, algúns moi divertidos. Non te perdas no medio deles. Recoméndoche que no canto de marcapáxinas empregues unha tarxeta onde vaias anotando a lapis o nome do lugar onde transcorre a escena, o nome dos personaxes importantes cos que se encontran os protagonistas e o suceso moi resumido que acontece alí.
Fíxate nas referencias constantes ao tempo meteorolóxico e á descrición sensorial dos espazos (referencias á luz, son, cheiros...) porque teñen un simbolismo claro na novela.
A novela ambiéntase a fins do século XIX ou principios do XX nun lugar chamado Auria, que é o trasunto literario de Ourense na narrativa de Eduardo Blanco Amor. Evidentemente os costumes non eran os mesmos ca os de agora: había arrieiros en vez de empresas de mensaxería instantánea ou camioneiros, había xastres, fidalgos nos pazos, prostíbulos rexentados por "madamas"...
- Teacher: José Manuel Deus Abelenda
- Teacher: Beatriz Sandra Vilaseco Regueiro