[Ulises e o Cíclope] HOMERO, Odisea IX «Cíclope! Preguntas cal é o meu nome ilustre e vou dicircho pero dáme o presente de hospitalidade que me prometiches. O meu nome é Ninguén; e Ninguén me chaman a miña nai, o meu pai e os meus compañeiros todos» Así lle falei; e de seguida respondeume con ánimo cruel: «A Ninguén comereino o derradeiro, despois dos seus compañeiros, e a todos os demais antes que a el: tal será o don hospitalario que che ofreza». Dixo, botouse cara atrás e caeu de costas. Así deitado, dobrou a grosa cerviz e venceuno o sono, que todo o rende: saíalle da garganta o viño con anacos de carne humana, e eructaba por estar cargado de viño. Entón metín a estaca debaixo da abundante borralla, para quentala, e animei coas miñas palabras a todos os compañeiros: non fóra que algún, posuído de medo, se retirase. Mais cando a estaca de oliveira, con ser verde, estaba a piques de arder e lampexaba intensamente, fun e saqueina do lume; rodeáronme os meus compañeiros, e unha deidade nos infundiu gran audacia. Eles, tomando a estaca de oliveira, cravárona pola aguzada punta no ollo do Ciclope […] Queimoulle o ardoroso vapor pálpebras e cellas, en canto a pupila estaba ardendo e as súas raíces crepitaban pola acción do lume. Así como o broncista, para dar dureza que é a forza do ferro, mergulla en auga fría unha machada que chía agudamente, igual rechiaba o ollo do Ciclope arredor da estaca de oliveira. Deu o Cíclope un forte e horripilante xemido, atronou a rocha, e nós, amedrentados, fuximos axiña; mais el arrincouse a estaca, toda manchada de sangue, tirouna furioso lonxe de si e púxose a chamar con altos gritos os Ciclopes que habitaban ao seu arredor, dentro de covas, nos ventosos promontorios. En oíndo as súas voces, acudiron moitos, quen por unha banda e quen por outra, e parándose onda cova, preguntáronlle que lle angustiaba: «Por que tan anoxado, oh Polifemo, berras así na divina noite, espertándonos a todos? Seica algún home leva as túas ovellas mal do teu grado? Ou, por ventura, mátante con engano ou con forza?» Respondeulles dende a cova o robusto Polifemo: «Oh, amigos! Ninguén me mata con engano, non con forza». E eles contestáronlle con estas aladas palabras: «Pois se ninguén te violenta, xa que estás só, non é posible evitar a enfermidade que envía o gran Zeus, mais, prégalle roga ao teu pai, o soberano Poseidón». Apenas acabaron de falar, fóronse todos; e eu rinme de corazón de como o meu nome e o meu excelente artificio os tiña enganado. O Ciclope, xemendo polas grandes dores que padecía, andou ás apalpadelas, quitou o penedo da porta e sentou na soleira, estarricando os brazos por si lograba botar man a alguén que saíse coas ovellas […] Revolvín toda clase de enganos e de artificios, como que se trataba da vida e un gran mal era inminente, e ao fin pareceume a mellor resolución a que vou dicir. Había uns carneiros ben alimentados, fermosos, grandes, de espesa e escura la; e, sen despregar os beizos, ateinos de tres en tres, entrelazando vimbios encol dos que durmía o monstruoso e inxusto Ciclope: e así o do centro levaba a un home e os outros dous ían aos lados para que os meus compañeiros se salvasen.
Последнее изменение: понедельник, 21 марта 2016, 11:25