CRONOLOXÍA DA VIDA E OBRA DE CARLOS CASARES
1941.- (24 de agosto) Nace en Ourense.
1944.- Trasládase a Xinzo de Limia, onde o seu pai, Francisco Casares, traballa como mestre.
1952.- Ingresa no Seminario de Ourense.
1959.- Frecuenta as tertulias literarias ourensás, en especial a de Vicente Risco, no café Parque, no Miño ou no Volter, con outros escritores e artistas como Prego de Oliver, Ferro Couselo, Xaime Quessada, Antón Tovar, Conde Corbal, Xaquín Lorenzo, Xosé Luís de Dios, Julio Gimeno, Acisclo Manzano, Arturo Baltar, José Luis López Cid ou Arturo Lezcano.
1961.- Trasládase a Santiago de Compostela para estudar Filosofía e Letras e incorpórase ao grupo de galeguistas liderado por Ramón Piñeiro.
1967.- Publica Vento ferido.
1968.- Gaña o premio do concurso de relatos convocado pola Asociación Cultural “O Facho”, da Coruña, con A galiña azul.
1969.- Comeza a impartir docencia no Colexio Público de Viana do Bolo. Acusado de comunista é expedientado e inhabilitado para a docencia en Galicia. Marcha para Bilbao.
1971.- Casa con Kristina Berg.
1975.- Publica Xoguetes para un tempo prohibido, obra que resulta premiada no certame de novela que convoca Editorial Galaxia para conmemorar o 25º aniversario da súa fundación. Comeza a publicar en La Voz de Galicia a sección “A ledicia de ler”.
1976.- Recibe o Premio da Crítica Española por Xoguetes para un tempo prohibido.
1977.- Ingresa na Real Academia Galega.
1979.- Publica Os escuros soños de Clío.
1980.- Publica Ilustrísima.
1982.- Deputado ao Parlamento de Galicia como galeguista independente nas listas do PSdeG-PSOE pola provincia de Ourense.
1983.- Recibe o Premio “Fernández Latorre” de xornalismo, concedido polo diario La Voz de Galicia.Viaxa á extinta URSS convidado pola Unión de Escritores da Unión Soviética, impartindo conferencias e particiando en seminarios xunto con outros escritores como Manuel Vázquez Montalbán e Joan Perucho.
1984.- Sae a edición en castelán de Os escuros soños de Clío.
1985.- Faise cargo da dirección xeral de Editorial Galaxia.
1986.- Sae a edición en castelán de Ilustrísima.
1987.- Publica Os mortos daquel verán en galego e en castelán.
1990.- Morre Ramón Piñeiro.
1991.- Comeza a publicar a serie de contos infantis Toribio, cos títulos Este é Toribio, Toribio contra o profesor Smith e Toribio e o contador de contos. Recibe o Premio Literario “Anxel Fole”. Publica o estudo Ramón del Valle-Inclán: Zwischen Dekadenzdichtung und moralischer Satire en “Spanische Literatur” (Suhrkamp).
1992.- Comeza a publicación diaria da columna “Á marxe” en La Voz de Galicia. Publica Toribio ten unha idea. Sae a súa edición de Poesía galega completa de Manuel Curros Enríquez. En colaboración con Xesús Alonso Montero, publica Vida, obra e milagres de Xan da Coba.
1993.- Publica Ramón Piñeiro. Unha vida por Galicia. Sae a tradución ao catalán de Ilustrísima. Resulta nomeado membro vitalicio da Comisión Rectora do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
1994.- Publica Na marxe de cada día, unha escolma de artigos de “A marxe”, O galo de Antioquía e Toribio revoluciona o tráfico.
1995.- Recibe en Celanova o Premio Casa dos Poetas e o Premio Julio Camba de Periodismo. Obtén unha bolsa para escritores do “Litersrisches Colloquium” para gozar dunha estancia en Wansee (Alemaña) onde escribe boa parte de Deus sentado nun sillón azul, que será publicado este mesmo ano. Publica Guía da provincia de Pontevedra: arte, cultura, gastronomía con fotografías feitas polo autor. Colabora cun relato no libro Cuentos de fútbol. É nomeado presidente do “PEN Clube Escritores de Galicia”.
1996.- Publica Lolo anda en bicicleta, en galego e catalán (La bicicleta de Lolo) e A vida de Ánxel Fole. É elixido presidente do Consello da Cultura Galega.
1997.- É distinguido con Premios da Crítica de España e de Galicia por Deus sentado nun sillón azul. É nomeado Delegado de España en Galicia do Alto Comisariado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR). Participa nun encontro de escritores españois e cubanos en La Habana invitado polo Ministerio de Cultura.
1998.- Publica Un país de palabras. É nomeado director dos cursos de verán da Fundación Camilo José Cela. Imparte un curso de Literatura no Graduate Center da City University de Nova Iork. É finalista do Premio Nacional de Narrativa.
1999.- Publica Hemingway en Galicia e a tradución ao galego de O vello e o mar, de Hemingway. Obtén por segunda vez o Premio da Crítica galega.
2000.- Participa no Expreso da Literatura Europea, unha experiencia organizada pola UNESCO, a Secretaría do Consello de Europa e a Comisaría de Cultura e Educación da Unión Europea, con outros oitenta escritores que durante mes e medio percorre Europa desde Lisboa ata San Petersburgo. Publica Un polbo xigante e o minilibro Biografía de D. Juan de la Coba. Traduce ao galego La Bella Otero, de Gonzalo Torrente Ballester.
2001.- Publica a biografía A vida do Padre Sarmiento e sae a edición en catalán de Deus sentado nun sillón azul (Déu assegut en una butaca blava).
2002.- (9 de marzo) Morre en Vigo. Postumanente aparece a novela O sol do verán e a Xunta de Galicia publica a súa conferencia Gonzalo Torrente Ballester. O escritor, o amigo. Sae Galicia, nai e Señora, obra da que é coautor. Recibe a título póstumo o Premio Roberto Blanco Torres de periodismo. O 9 de setembro constitúese a Fundación Carlos Casares.