Preto dun centenar de alumnas e alumnos de 1º da ESO do IES de Rodeira participaron este luns nunha xornada de educación ambiental que combinou a divulgación científica coa acción directa sobre o litoral do Morrazo. A actividade, enmarcada no programa Sostilab, ao ser un Centro Referente da rede Innovalab da Consellería de Educación, desenvolveuse en dúas fases ao longo do día e permitiu recoller case 50 quilos de residuos.
A primeira hora da mañá, o estudantado desprazouse ata a praia dos Alemáns, onde foron recibidos por persoas voluntarias da asociación cultural e ambiental Illa dos Ratos. Durante a marea baixa, o alumnado puido observar in situ a riqueza biolóxica da zona intermareal: algas, moluscos, crustáceos e pequenos peixes que habitan as pozas de marea e que constitúen un dos ecosistemas máis produtivos e fráxiles do noso litoral. A asociación explicou as ameazas que enfrontan estes hábitats, con especial atención ao impacto dos residuos plásticos e dos microplásticos sobre a cadea trófica.

A xornada continuou na praia de Rodeira, onde o alumnado organizado en equipos, peneiraron a area e recolleron os residuos atopados, separándoos por tipoloxías para a súa posterior caracterización en aula. O balance final achegouse aos 50 quilos de lixo, na súa maioría plásticos de pequeno tamaño, cabichas, redes e cordas de uso pesqueiro, así como envases de bebidas.
«Que o alumnado vexa coas súas mans a cantidade de residuos que agocha unha praia que paseamos a diario é a mellor lección de sustentabilidade que lles podemos dar», sinalan desde o equipo docente responsable da actividade no IES de Rodeira. «O obxectivo de Sostilab é precisamente ese: que a aula saia ao territorio e que o coñecemento se traduza en compromiso».
O IES de Rodeira agradece publicamente a colaboración da asociación Illa dos Ratos pola súa dispoñibilidade e pola calidade divulgativa do seu traballo, así como o apoio do Concello de Cangas para a recollida do lixo, e da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través do programa Innovalab.
