Outros conceptos de sociolingüística
3. Tipoloxía de linguas: concepto de lingua
3.2. Lingua oficial
Linguas oficiais, nacionais e internacionais
O termo lingua oficial indica o status de determinada lingua como instrumento de relación entre o estado e os seus cidadáns. O status de oficial non é inamovible, xa que está exposto a flutuacións segundo varíen as circunstancias sociopolíticas.
Lingua nacional é aquela usada e creada por un pobo ao longo da súa historia. Non hai relación unívoca entre as dúas categorías, xa que a lingua oficial non sempre é a nacional (como ocorre co francés no Líbano), e a lingua nacional non sempre é a oficial (o romanche en Suíza).
As necesidades de comunicación entre individuos de linguas nacionais distintas provocaron ao longo do tempo que certas modalidades lingüísticas alcanzasen o estado de linguas internacionais. Son aquelas aprendidas como segundas linguas por un amplo número de persoas que as utilizan ao se dirixiren a falantes doutros territorios lingüísticos. Entre outras, alcanzaron o estatus de linguas internacionais o latín desde a Antigüidade ata a Idade Media, o francés no século XVIII e o inglés a partir do século XIX. A internacionalidade dunha lingua é en certa maneira independente do volume total demográfico de individuos que a usan como primeira lingua e ten máis que ver co poder político e económico do Estado que a sustenta. Así, a lingua demograficamente máis importante do mundo, o chinés mandarín, ten polo de agora pouco valor como lingua internacional.
Outras modalidades lingüísticas creadas de maneira máis ou menos planificada para serviren de medio de comunicación a persoas de comunidades lingüísticas distintas son:
- Os sabires. Trátase de falares mixtos formados con elementos procedentes de varias linguas nacionais e utilizados en contextos comuncacionais moi limitados. É o que ocorre coa lingua dos comerciantes nas costas de África oriental, mestura de árabe e francés, ou co portuñol, mestura do portugués e español nas áreas fronteirizas do Brasil.
- Os pidgin. Trátase de variedades do sabir máis elaboradas, con total coherencia gramatical e usada en calquera contexto comunicacional.
- Os crioulos. Denominación que recibe un pidgin cando se converte en lingua principal dunha colectividade e incluso soporte dunha cultura escrita. Así ocorreu co crioulo das Antillas (mestura do francés e linguas africanas) e co crioulo de Cabo Verde (cruce dos falares nativos co portugués).
- As linguas artificiais. Creacións de laboratorio realizadas por lingüistas como propostas de lingua universal para substituír as linguas nacionais. Entres as múltiples linguas artificiais aparecidas desde o século XIX destaca, pola difusión alcanzada, o esperanto.