Imos cara á esperanza!
Teresa Herrera
Seguro que ás persoas que sabedes de fútbol vos resulta familiar este nome, pero... que terá que ver Teresa Herrera coa nosa expedición?
Pois ben, Teresa Margarita Herrera y Pedrosa foi a fundadora do primeiro Hospital da Caridade da Coruña.
Teresa naceu na Coruña, quedou orfa de pai aos catro anos e púxose a traballar moi nova para non ser unha carga para a nai, viúva con 10 fillos. Os seus irmáns van morrendo de enfermidade e a nai muda o testamento a favor de Teresa, coa condición de que coide das súas dúas irmás.
Dende moi nena acollía e coidaba na súa casa a mulleres enfermas e sen recursos, convertendo o seu lar nun pequeno hospital, así era chamado polos conveciños: “o hospitaliño de Deus”.
Deste xeito, concibiu a idea de fundar un Hospital da Caridade e, con esta finalidade en 1789 doou os seus bens á Congregación da Virxe das Dores. En xullo de 1791 colocouse a primeira pedra do futuro hospital, nun solemne acto ao que asistiu Teresa Herrera que, nesa altura contaba 80 anos, e que morrería uns meses despois. O hospital foi inaugurado tres anos máis tarde.
E foi desa inclusa de onde saíron 13 dos 22 nenos que levarían a vacina ata terras de ultramar.
Interesante, verdade?
CONTINUAMOS!