1. INTRODUCIÓN
O que realmente somos non é algo doado de saber. En calquera caso, parece claro que non é algo que nos veña dado desde que nacemos, senón que parece ser o resultado dun longo proceso de aprendizaxe no que interveñen diversos factores de tipo biolóxico, psicolóxico, social ou persoal. En boa medida, o que chegamos a ser depende das decisións que libremente tomemos. Por iso é fundamental aprender a coñecérmonos a nós mesmos e a querérmonos tamén.
Tamén é importante coñecer as nosas emocións e saber regulalas, para así aprender a relacionarnos cos demais respectando a súa liberdade e establecendo relacións afectivas sas e enriquecedoras. Os conflitos que poidan xurdir na convivencia cos demais poden resolverse sempre mediante o diálogo, tendo unha actitude empática e sendo capaces de chegar a acordos.
2. A NOSA PERSONALIDADE
Ao longo da nosa vida imos desenvolvendo a nosa personalidade, o noso modo de ser característico. Isto sucede durante toda a vida, aínda que sobre todo na infancia e na adolescencia. Así, non se trata de algo co que naceramos e que non poidamos modificar de ningunha maneira.
A nosa personalidade depende de moitos factores, entre os que hai que salientar o temperamento —que se herda bioloxicamente—, así como a influencia do noso entorno e das nosas decisións persoais. Este último aspecto (as nosas decisións persoais) é de enorme importancia, pois os nosos actos repetidos e os hábitos que se xeran na nosa mente ao repetir eses actos irán configurando o noso carácter.
En resumo: a nosa personalidade constrúese conforme a tres factores: