Cantigas de Amor


A cantiga de amor é un cantar feito por un home que se dirixe a unha dama mostrando o seu amor por ela. Aquí a voz que fala é a do home, fronte ás cantigas de amigo onde a voz que vai falar vai ser a da muller, característica esta que serve para diferenciar os dous xéneros.

Outro trazo distintivo serve como marca xenérica, este é a aparición da palabra “senhor” ou  unha variante desta, nos primeiros versos da composición. Oponse nisto tamén á cantiga de amigo na que a marca xenérica será a aparición da palabra “amigo”.


A.- As orixes


A orixe destas cantigas débese á combinación de tres correntes:
1. A influenza da cultura trobadoresca provenzal. Do sur de Francia chéganos a concepción do “amor cortés”, onde a relación de vasalaxe existente na sociedade feudal entre o senhor e o vasalo se traspasa á relación amorosa, onde o namorado estaba sometido á súa dama. É este un amor truncado pola súa imposible consecución, un amor marcado pola dor ou coita de amor que ten como punto álxido da dor a morte por amor. No sistema feudal había varios graos de vasalaxe, así o amor que se revela na poesía provenzal require unha paciente, e longa aprendizaxe. O trobador debía percorrer catro estadios diferentes:
1. Fenhedor: aspirante que se consumía en suspiros.
2. Precador: o suplicante que xa pedía algo.
3. Entendedor: namorado.
4. Drudo: amante.
O amor galego-portugués é máis simple e se perde en complicación e sutileza gaña en emoción e sinceridade. Da xerarquía amorosa provenzal só son coñecidos entre nós os dous últimos graos (entendedor e drudo). O drudo só o encontraremos nas cantigas de escarnio e maldicir. A nosa poesía virxinal da cantiga amorosa non podía ir máis alá de entendedor. Non obstante, a cantiga e amor galega é, en moitos aspectos, unha adaptación da cançó provenzal e os poetas eran conscientes que estaban imitando este xénero provenzal pero tamén das súas diferenzas entre ambas composicións. Por exemplo, a cançó sitúa os feitos nunha natureza primaveral e a cantiga de amor galega non fai referencia apenas á natureza e, ademais, na cantiga de amor a muller é abstracta, carece de aparencia física mentres que a cançó pode chegar a presentar un pequeno retrato da muller amada.
2. A devoción mariana. Podemos establecer un paralelismo entre a actitude do cristián prostrado aos pés da Virxe e a do amante, aos pés da súa Senhor. O amor pasou a ser como un culto, a muller era obxecto de adoración.
3. A tradición autóctona. Antes da chegada aquí dos versos provenzais é incuestionable que xa existían composicións de carácter amoroso.


B.- Caracterización das cantigas de amor desde o punto de vista do contido


Hai  catro campos temáticos:


1.- Louvanza da dama. A muller da cantiga de amor é unha muller idealizada e inalcanzable, de trazos fixos e convencionais. O eloxio da dama segue dúas direccións:
- A beleza física da senhor: normalmente é unha cualificación estética abstracta e indeterminada (fremosa senhor, bom parecer...)
- A beleza moral da senhor: en moitas ocasións unida ás calidades físicas da dama (ben falar, siso, creto, mesura, dozura...)
2.- Amor do poeta. Condénsase en enunciados sintéticos executados en formas reiteradas, sendo moi estendida a repetición paralelística. Este amor maniféstase como algo adquirido antes do inicio do canto, non como un proceso en execución, hai poucas cantigas que aludan ao proceso do namoramento.
3.- Reserva da dama. A actitude da senhor pode ir desde unha condescendencia benévola até a ira, pasando por unha serie de posicións intermedias. A senhor non só non lle concede recompensa ao amante senón que aplica con respecto a el unha especie de despotismo represivo negándolle todo dereito a amala e mesmo a dirixirlle a palabra.
4.- A coita de amor. Este campo sémico ciméntase sobre o termo “coita” que pasa a través das diversas gradacións do sufrimento: o pranto, a loucura, a morte por amor. (...)
E é gram coita de mort’a do mar,
mais nom é tal; e por esta razom
coita d’amor me faz escaecer
a mui gram coita do mar, e teer
pola maior coita, per boa fe,
de quantas forom, nem som, nem serám.


E estes outros que amor nom ham,
dizem que nom; mais eu direi qual é:
coita d’amor me faz escaecer
a mui gram coita do mar, e teer
por maior coita a que faz perder
coita do mar, que faz muitos morrer!


Paio Gómez Charinho


C. Caracterización formal das cantigas de amor


As cantigas constan dun número indeterminado de cobras ou estrofas, que na nosa lírica normalmente son tres ou catro, cada unha composta por un número variable de versos, chamados palavras.
No que á métrica se refire, a lírica medieval caracterízase porque o cómputo silábico chega só ata a última sílaba tónica do verso.
En canto á rima, pode ser macho ou femia:
Rima macho.– dáse cando a última palabra do verso é aguda.


Amor, a ti me venh’ora queixar
de mia senhor, que te faz enviar
cada u dórmio sempre m’espertar
e faz-me de gram coita sofredor.
Pois m’ela nom quer veer nem falar,
que me queres, Amor?...


Fernando Esquío


Rima femia.– dáse cando a última palabra do verso é grave.


Levantou-se a velida,
levantou-s’alva,
e vai lavar camisas
eno alto.
Vai-las lavar alva...


Don Dinís


Do mesmo xeito, a rima pode ser consonante ou asonante:
Rima consonante: é máis común nas cantigas de amor.
Rima asonante: é máis común nas cantigas de amigo.
O primeiro criterio de clasificación vén dado pola presenza ou ausencia de refrán na cantiga, e así temos:
Cantigas de mestría. Como o seu nome indica, son as consideradas máis perfectas por respectaren o modelo provenzal. Carecen de refrán.


Quer’eu em maneira de proençal
fazer agora um cantar d’amor,
e querrei muit’i loar mia senhor
a que prez nem fremosura nom fal,
nem bondade; e mais vos direi ém;
tanto a fez Deus comprida de bem
que mais que todas-las do mundo val.


Ca mia senhor quizo Deus fazer tal,
quando a fez, que a fez sabedor
de todo bem e de mui gram valor,
e, com tod’esto é mui comunal
ali u deve; er deu-lhi bom sém,
e desi nom lhi fez pouco de bem
quando nom quis que lh’outra foss’igual.


Ca em mia senhor nunca Deus pos mal,
mais pos i prez e beldad’e loor
e falar mui bem, e riir melhor
que outra molher; e desi é leal
muit’, e por esto nom sei hoj’eu quem
possa compridamente no seu bem
falar, ca nom ha tra-lo seu bem, al.


Don Dinís


Cantigas de refrán. Consideradas máis imperfectas, nelas aparece un retrouso ou refrán ao final de cada cobra. Este refrán pode estar constituído por un ou varios versos.


Amor, a ti me venh’ora queixar
de mia senhor, que te faz enviar
cada u dórmio sempre m’espertar
e faz-me de gram coita sofredor.
Pois m’ela nom quer veer nem falar,
que me queres, Amor?


Este queixume te venh’or dizer:
que me non queiras meu sono tolher
pola fremosa do bom parecer
que de matar home sempr’ha sabor.
Pois m’ela nenhum bem quiso fazer,
que me queres, Amor?

Amor, castiga-te d’esto, por ém
que me nom tolhas meu sono por quem
me quis matar e me teve em desdem
e de mia morte será pecador.
Pois m’ela nunca quiso fazer bem,
que me queres, Amor?


Amor, castiga-te d’esto, por tal
que me nom tolhas meu sono por qual
me nom faz bem e sol me faz gram mal
e mi-o fará, d’esto som jolgador.
Poi-lo seu bem cedo coita mi val,
que me queres, Amor?


Fernando Esquío


Atendendo ao esquema rítmico, podemos diferenciar catro tipos de cobras:
Cobras unisonantes. Son aquelas que teñen a mesma combinación rítmica en toda a composición. Considéranse as máis perfectas.

Se eu podesse desamar
a quem me sempre desamou,
e podess’algum mal buscar
a quem me sempre mal buscou!
Assi me vingaria eu,
se eu podesse coita dar,
a quem me sempre coita deu.


Mais sol nom posso eu enganar
meu coraçom que me enganou,
por quanto me fez desejar
a quem me nunca desejou.
E por esto nom dórmio eu,
porque nom poss’eu coita dar,
a quem me sempre coita deu.


Mais rog’a Deus que desampar
a quem m’assi desamparou,
vel que podess’eu destorvar
a quem me sempre destorvou.
E logo dormiria eu,
se eu podesse coita dar,
a quem me sempre coita deu.


Vel que ousass’eu preguntar
a quem me nunca preguntou,
per que me fez em si cuidar,
pois ela nunca em mim cuidou.
E por esto lazeiro eu,
porque nom poss’eu coita dar


Pero da Ponte

esquema métrico:8a 8b 8a 8b 8c 8A 8C


Cobras duplas. Cada dúas cobras teñen unha combinación rítmica diferente.


Cobras alternas. As cobras pares teñen unha combinación rítmica e as impares teñen outra diferente.


Cobras singulares. Cada cobra posúe unha combinación rítmica diferente.


Como morreu quem nunca bem
ouve da rem que mais amou,
e quem viu quanto receou
d’ela, e foi morto por ém:
Ai mia senhor, assi moir’eu!


Como morreu quem foi amar
quem lhe nunca quis bem fazer,
e de quem lhe fez Deus veer
de que foi morto com pesar:
Ai mia senhor, asi moir’eu!


Com’ome que ensandeceu,
senhor, com gram pesar que viu,
e nom foi ledo nem dormiu
depois, mia senhor, e morreu:
Ai mia senhor, assi moir’eu!


Como morreu quem amou tal
dona que lhe nunca fez bem,
e quem a viu levar a quem
a nom valia, nem a val:
Ai mia senhor, assi moir’eu!


Pai Soares de Taveirós

O esquema métrico sería:
I-II-IV: 8a 8b 8b 8a 8C
III: 8a 8b 8b 8a 8A


Existen tamén dous recursos propios desta lírica medieval que cómpre que estudemos, estes son o dobre e o mordobre.
Dobre. Consiste na repetición dunha palabra ou dun grupo de palabras en lugares simétricos dentro da mesma estrofa.


Se eu podesse desamar
a quem me sempre desamou,
e podess’algum mal buscar
a quem me sempre mal buscou!
Assi me vingaria eu,
se eu podesse coita dar,
a quem me sempre coita deu.


Pero da Ponte

Mordobre. É unha variante do dobre, consiste na repetición simétrica dun mesmo lexema con variacións morfemáticas.


Se eu podesse desamar
a quem me sempre desamou,
e podess’algum mal buscar
a quem me sempre mal buscou!
Assi me vingaria eu,
se eu podesse coita dar,
a quem me sempre coita deu.


Pero da Ponte

Última modificación: luns, 3 de decembro de 2018, 6:09 PM