A lingua e a literatura na Idade Media (apuntamentos)
Teremos que agardar ata finais do século XII para que a nova lingua romance, o galego-portugués, sexa empregada para a transmisión escrita en substitución do latín. Mais, unha vez dado este paso, asistiremos á súa época máis esplendorosa durante os séculos XIII e XIV, unha verdadeira Idade de Ouro que mesmo a produción literaria actual non foi quen de superar.
Ata comezos do século XX os nosos escritores e escritoras non tiveron acceso a esa rica tradición e tan forte foi o impacto da descuberta que cando se produciu deu lugar a unha tendencia lírica, o neotrobadorismo. A ditadura supuxo un tempo morto que fixo que até agora non se producise verdadeiramente o seu estudo e difusión xeneralizados.
O primeiro xénero cultivado foi a lírica profana, despois chegaría o cultivo da relixiosa. Á hora de analizarmos esta produción lírica cómpre ter en conta que se trata dunha obra feita para ser cantada e interpretada diante dun público, de aí o seu paralelismo. Dentro da lírica profana diferenciaremos tres grandes xéneros: cantiga de amor, cantiga de amigo e cantiga de escarnio e maldicir.
Non menos importante é a prosa, que se adoita clasificar en tres grupos segundo se trate de narrativa, historiografía ou outros textos, para rematar esta etapa coa decadencia da lírica trobadoresca.
Textos conservados
Cómpre ter en conta que a tradición manuscrita que hoxe conservamos non é máis ca unha pequena mostra de toda a produción que debeu de existir naquel período. Conservamos tres cancioneiros de lírica profana que son copias de versións orixinais que se perderon, aos cales recentemente se lles engadiu outro que está en posesión da Universidade de Berkeley (copia do S. XVI ou XVII do Cancioneiro da Vaticana).
Estas obras son as seguintes:
Cancioneiro da Ajuda – Consérvase na biblioteca do mesmo nome existente no Pazo Real de Lisboa. Foi composto durante as últimas décadas do século XIII. A súa realización quedou incompleta.
Cancioneiro da Vaticana– Foi descuberto na biblioteca do Conde Brancuti. É unha copia realizada nos primeiros anos do século XVI. Contén 1.205 cantigas dos tres xéneros (amigo, amor e escarnio). Diferénciase do anterior en que ten o nome dos autores, que suman máis de cen.
Cancioneiro da Biblioteca Nacional – Era coñecido polo nome de “Colocci-Brancuti”, pero agora chámase así por estar na Biblioteca Nacional de Lisboa. É o máis completo dos tres, cunhas 1.600 cantigas dos diferentes xéneros.
Cómpre tamén citar outros textos como o Pergamiño Vindel (que nos dá as sete cantigas de Martín Codax, seis delas con notación musical), e o Pergamiño Sharrer (que nos ofrece sete cantigas de amor de don Denís, tamén con notación musical), Cantigas de Santa María.– Feito coas cantigas de Afonso X o Sabio, contén anotacións musicais e gravados. Son 427 composicións en honor á Virxe.
Compositores e intérpretes
Aínda que normalmente asociamos as cantigas cos trobadores, non son os únicos axentes da nosa lírica medieval, imos ver quen era quen e que facían cada un deles e delas.
Trobadores.– Son os de maior consideración social, de condición nobre, compoñen a letra e mais a música das cantigas, en ocasións tamén as interpretan. Figuran nos cancioneiros co seu nome e apelidos: Xohán Airas de Santiago, Paio Gómez Chariño...etc.
Segreis.– Son escudeiros ou membros da baixa nobreza, que se dedican a interpretar composicións propias. A diferenza dos trobadores, como profesionais que son, cobran unha paga pola súa interpretación. Entre eles salientaremos a Pero da Ponte.
Xograis.– A súa condición é humilde, son intérpretes de composicións alleas. Figuran nos cancioneiros co seu nome e un alcume ou o seu lugar de procedencia. Ás veces estaban ao servizo dun trobador e interpretaban as cantigas que este compoñía. Nalgúns casos o seu desexo de ascender socialmente levounos a compoñer cantigas. Algúns deles chegaron a ter máis sona que algúns trobadores: Xohán Zorro, Mendiño, Lopo, Xohán de Cangas...etc.
Menestreis.– Son músicos profesionais que interpretan a música das cantigas. Non se coñece o nome de ningún deles.
Soldadeiras.– Son mulleres que danzaban ou saltaban durante a interpretación das cantigas. Tamén acompañaban aos exércitos nas súas campañas militares. A máis coñecida e á que se lle teñen dedicado numerosas cantigas é María a Balteira.
Periodización da lírica galego-portugesa
A lírica medieval adóitase dividir cronoloxicamente en tres grandes períodos:
1 – Período primitivo ou preafonsino
Abrangue os últimos anos do século XII e a primeira metade do século XIII, aproximadamente ata o ano 1245. Nesta etapa atópanse os textos máis antigos.
2 – Período de florecemento ou esplendor
Tamén denominado Idade de Ouro, desenvólvese desde o ano 1245 ata o ano 1354, data da morte de Don Pedro, Conde de Barcelos, fillo de Don Dinís, e que é considerado o derradeiro trobador da escola galego-portuguesa. Esta etapa coincide co reinado de Afonso X en Castela e cos de Afonso III, o seu fillo Don Dinís e o seu neto Don Pedro en Portugal.
3 – Período de decadencia
Abrangue o século XIV desde o ano 1354 e todo o século XV. A esta etapa corresponden as últimas composicións poéticas de autores bilingües.4.4.2. - Trazos máis característicos da nosa lingua na Idade Media
Características da lingua das cantigas
A.- Fonética
A.1) Sistema vocálico:
• Distinguían entre vogais abertas e pechadas e non se admitían rimas entre:
/ε/ e /e/ (aberto/pechado)
/Ɔ/ e /o/ (aberto /pechado)
Ex: Os infinitivos en /-er/ non rimaban con futuros de subxuntivo /-εr/.
• Vogais iguais en contacto, por perda dunha consoante intervocálica latina, conservaban o hiato, formando dúas sílabas. Abundancia de hiatos. Ex: Creer – Cre(d)ere
• Vacilación do timbre das vocais: costar/custar...
• Elisión de vogais átonas finais: se ll’o dizen.
• O máis característico é a existencia de vogais nasais, como resto dun -n- intervocálico que xa se perdera no século IX, manténdose unha resonancia nasal na vogal anterior á consoante perdida (~) (signo de nasalización). Ex: bōa > BONAM.
A.2) Sistema consonántico:
• Había varios tipos de <s> que hoxe non temos.
SONOROS MEDIEVAIS HOXE XORDOS XORDOS MEDIEVAIS
/Z/ que se escribía como -s- casa /S/ casa, paso /S/ que se escribía como -ss-,s-, passo, saber/Ź/ escribíase como z pronuncia= (d+s) fazer
/θ/ facer, pazo, cen /Ŝ/ escribíase como ç seguida de a, o, u, ou c+i, e; pronuncia (t+s) ex: paaço, cen.
/Ž/ escribíase como j+a, o, u ou ben g+e, i, ja, gente
/Š/ xente, deixar /Š/ grafía x. ex: leixar
• Tamén había distinción na pronuncia entre /b/ distinto de /v/ pero hai casos de confusión que poden confirmar a teoría dun só fonema coma hoxe.
A.3) Ortografía: É na segunda metade do século XIII cando se fixan certas tradicións gráficas.
Ex: Ch /Ĉ / xa ven do século IX-X. Para representar ós fonemas palatais:
ñ = /ŋ/ = nn, ny, ni, nj, nh, ñ (dous últimos en poesía)
ll = /ļ / = ly, li, lj, lh, ll (dous últimos en poesía).
Para a conxunción copulativa había varias representacións como son y, h, e, i; os dous últimos en poesía.
B.- Morfoloxía
En xeral coincide coa do galego actual. As principais diferenzas son:
• Os nomes rematados en -or, -dor, -tor, así como señor, tiñan unha única forma para os dous xéneros.
• Os nomes rematados en -age (-axe) eran xeralmente masculinos.
• O posesivo tiña dúas series.
Tónica: o mesmo ca hoxe (miña=mîa ou mia).
Átona: Ma, ta, sa (plurais. Ma=mia ou mha).
• O demostrativo: ademais de este-esta-esto existía a forma reforzada, aqueste-aquestaaquesto.
• Emprego do pronome anafórico i=aí, aquí, por iso, niso.
• Verbos: non diferenza entre haber/ter e ser/estar.
• O sistema adverbial era moito máis rico có actual, perdéndose hoxe moitos adverbios. Ex: Adur (difícilmente), Chus (alternaba con máis para os comparativos de superioridade), cras (mañá), eire (onte), allur (noutra parte) u (onde), i (alí, alá), ende (por iso).
C.- Sintaxe
Había maior liberdade sintáctica ca hoxe, como casos especiais destacamos os seguintes:
• Cando na oración había dous ou máis suxeitos, o predicado podía concertar co último.
• Cando o suxeito era un nome colectivo o verbo podía ir en plural.
• O participio dos tempos compostos concertaba en xénero e número co obxecto directo.
• Cando a acción do verbo era impersoal podíase empregar a partícula ome (-m) como suxeito incerto.
• Era frecuente o uso de dúas negacións.
• Non era obrigatorio coma hoxe a presenza do artigo diante do posesivo.
D.- Léxico
A falta dunha norma unificadora e a presenza de variedades rexionais fan que o léxico da lingua medieval se caracterice pola flutuación de formas. Hai moitos préstamos, na maior parte provenzalismos e galicismos. Hoxe algúns destes termos desapareceron e outros están vivos no noso vocabulario.
Galicismos: Dama, fama, folía (loucura), saizón (estación) maison (casa), virgeu (xardín). Tamén é de orixe francés /-AGE/ en palabras como parage, paisage, domage (lástima), sage (prudente)...etc.
Provenzalismos: Destacan os referidos á terminoloxía do amor cortés. Ex: Senhor, cor (corazón), cousimento (discreción), moloutía (doenza), solaz (pracer), trobar, trobador, drudo (amante), entendedor (namorado), assaz (bastante), fiz (certo, certamente), greu (difícil), lousiñar (louvar), mege (médico).
Hai outra serie de palabras con características fonéticas estrañas como por exemplo: irmana, mañana, fontana, louçana, salido, color, que conservan o -n- e o -l- contra a regra xeral.
Os críticos interpretaron esta serie de palabras como, en primeiro lugar: castelanismos, e en segundo lugar: leonesismos. O máis acertado talvez sexcomo arcaísmos, é dicir, como restos dunha tradición poética popular xa existente en Galicia.