Modelo de comentario Kant. Ética.
Immanuel Kant é considerado como un dos grandes representantes da Modernidade, foi quen de sintetizar as dúas grandes escolas filosóficas da época, racionalismo e empirismo, abrindo as portas ao idealismo alemán, corrente que se desenvolvería ao longo dos séculos XVIII e XIX. Kant erixiuse como unha figura clave da Ilustración, a súa máxima "Sapere aude!" invítanos a pensar por nós mesmos servíndonos da nosa razón, recollendo así as características dun movemento que foi capital no desenvolvemento do pensamento universal.
Cando falamos da Ilustración referímonos a unha serie de cambios a nivel cultural, social, político e filosófico que supoñen a culminación de todo o que se levaba fraguando dende o Renacemento. A nivel cultural cabe sinalar o carácter antropocentrista do pensamento moderno que sen dúbida recollerán os pensadores ilustrados. O ser humano está no centro e este é que de coñecer o mundo servíndose dunha razón á que, por primeira vez, lle recoñecerán certos límites. O afán por coñecer permitirá o desenvolvemento das ciencias e da filosofía, así como o de grandes proxectos como a Enciclopedia, en cuxa elaboración que participaron grandes figuras como D´Alembert, Diderot ou Voltaire. Existe, pois, unha profunda confianza na razón e no progreso ligado a ela. Os ideais ilustrados traerían tamén grandes cambios a nivel social, o auxe da burguesía e a defensa dos dereitos individuais chocará directamente co modelo do Antigo Réxime: critícase ao absolutismo, deféndese a secularización da sociedade e das institucións, etc. As ideas políticas da Ilustración veránse materializdas nas grandes revolucións de finais do século XVIII, a Norteamericana e a Francesa, as cales estableceron as bases das democracias representativas actuais. Todo isto influirá no pensamento de ilustrados como Immanuel Kant: o ser humano debe ser quen de atreverse a pensar por si mesmo, só así poderá ser libre e deixar de ser súbdito dos demais. A razón, pois, libera e emancipa.
Kant nace en Könisberg en 1732, cidade da que nunca se afastaría durante toda a súa vida. Formaríase no racionalismo de autores como Christian Wolff, así como en ciencias e matemáticas. A lectura da obra de David Hume espertaríao, nas súas propias palabras, do "soño dogmático da razón", o que o afianzaría no seu proxecto de logar sintetizar as dúas grandes correntes do pensamento moderno. Desta síntese nacería a o súa filosofía: o idealismo trascendental.
Para Kant a filosofía busca, fundamentalmente, responder a tres preguntas: que podo coñecer, que debo facer e que cabe esperar. A primeira é a que abordará na súa obra magna, a "Crítica da Razón Pura", na que desenvolverá a súa teoría do coñecemento e onde se preguntará se a metafísica pode ser considerada unha ciencia. A segunda a resolverá na súa ética, en obras como "A fundamentación da metafísica das costumes" e a "Crítica da Razón Práctica". A última destas preguntas céntrase en dilucidar se existe finalidade no mundo, cuestións de carácter relixioso, etc. Todas elas conflúen en última instancia, nunha soa: que é o ser humano? Con ela queda claro que a filosofía de Kant vai estar centrada no suxeito.
Na súa "Crítica da Razón Pura", Kant acaba demostrando que a metafísica non pode se considerada como ciencia. A razón aplica as categorías máis aló da experiencia, do fenoménico, non podemos un coñecemento científico das ideas de Deus, alma e mundo. Con todo estas terán unha función regulativa, xa que permitirán agrupar os nosos xuízos. A isto hai que sumar que a metafísica, finalmente, poderá desenvolverse na filosofía práctica, partindo da liberdade como postulado, pois sen esta os seres humanos non seríamos moralmente responsables dos nosos actos.
O fragmento a comentar recolle unha das principais caracterísitcas da ética kantina: a formulación do imperativo categórico. Este establece a fórmula que dicta a razón para movernos a actuar, para determinar se as nosas accións poden ser consideradas como morais ou non. No texto aparecen recollidas as formulacións da dignidade humana, onde o de Könisberg establece que debemos actuar tratando aos individuos "nunca como simple medio, sino siempre al mismo" e a do reino dos fins, xa que de tratar aos individuos sempre como fins en si mesmos, guiados pola razón, poderemos converternos en "miembro legislador en el reino de los fines". En resumo, o imperativo categórico fainos atender á acción en si mesma, ao contrario que os hipotéticos, a cal valoran a acción para lograr outro fin (distinto desta)
Tras chegar á conclusión, na Crítica da Razón Pura, de que a metafísica non pode ser considerada como unha ciencia, esta pasará a desenvolverse na filosofía práctica, como unha metafísica das costumes. Kant considerará á liberdade como o postulado necesario para que esta disciplina sexa posible: sen liberdade, sen vontade, non hai ética.
A ética kantiana é unha ética que se define como deontolóxica, universal e formal. É deontolóxica porque é unha ética dos deberes, a acción debe ser valorada en si mesma, á marxe das consecuencias que obteñanos con ela. Desta independencia derívase tamén o seu carácter universal, pois a lei moral é a mesma para todo o mundo, pois é a que dicta a razón, á marxe de toda continxencia cultural, relixiosa, ideolóxica, etc. Por último é formal, pois só debemos atender á forma da lei moral a cal se expresa no imperativo categórico que é a tese central neste texto, ao recoller dúas das súas formulacións.
Este é o que nos move a facer algo ou a actuar dunha maneira porque, sinxelamente, é o noso deber. É a lei práctica da acción, válida para todo ser racional, a fórmula que nos permite determinar cando unha máxima é moral ou non, pois esta debe ser independente de todo contido material que a condicione. Opónse aos imperativos hipotéticos, os cales nos invitan a actuar para lograr algo que está máis aló da propia acción, considerado a esta como un medio para un fin, nunca como un fin en si mesma. O imperativo categórico pode formularse de tres maneiras: en base á universalidade e, como xa apuntamos, á dignidade humana e ao reino dos fins. En primeiro lugar a norma ou máxima a seguir de be ser universalizable, isto é, que todos poidan actuar do mesmo xeito sen caer nunha contradicción. Ao referirse á dignidade humana Kant defende que ninguén debe ser reducido a un obxecto ou instrumento ao servizo dos intereses doutro: todo ser humano é un fin en si mesmo. Asi, no fragmento distingue entre aquilo que posúe un "precio" e que polo tanto é intercambiable por algo "equivalente", isto é, que non ten unha dignidade intrínseca, non é un fin en si mesmo. Esta categoría só a recoñece Kant para os seres racionais, os seres humanos. Estes poden moverse a actuar polo que a razón lles dicta, obedecendo á fórmula do imperativo categórico, atendendo a acción en si mesma, respectado a dignidade do demais seres humanos ao non tratalos como meros medios para satisfacer fins ulteriores: "lo que se halla por encima de todo precio y, por tanto, no admite nada equivalente, eso tiene una dignidad".
A última das formulacions do imperativo categórico establece que debemos actuar como se a nosa acción servise de norma para unha Constitución universal, seguida por todos os seres racionais.
Claramente a ética kantiana defende a autonomía moral, a independencia de todo aquilo que nos aparte de obrar por deber (é o oposto á heteronomía) Actuar por deber, en base á moralidade, é distinto de actuar conforme ao deber, en base á legalidade. Isto é o que nos outorga dignidade. O resultado dunha acción pode ser o mesmo, pero é a intención a hora de realizala o que a fai moral ou non. Así o recolle no texto: "la moralidad es la condición bajo la cual un ser racional puede ser fin en sí mismo"
Kant é considerado como o máximo representante da Ilustración alemá (Aufklärung) e como unha das principais figuras do pensamento moderno ao ser quen de sintetizar dúas correntes aparentemente antitéticas como o racionalismo e o empirismo. Coa súa obra iniciarase o chamado idealismo alemá dos séculos XVIII e XIX, puidendo atopar a súa influencia nos escritos de autores como Fichte, Schelling ou Hegel, pero chegando tamén esta ata os nosos días. No ámbito da filosofía práctica é considerado como o pai do deontoloxismo, corrente que aínda a día de hoxe se opón ao consecuencialismo da filosofía utilitarista que se desenvolverá, especialmente, durante o século XIX.