Apuntamentos de titoría de Abilio Rodríguez

A materia Empresa e Deseño de Modelos de Negocio trata de explicar a realidade empresarial, como unha rama da Economía especializada nun determinado suxeito económico: a empresa. A empresa é un axente esencial da actividade económica, que está presente de forma cotiá nos medios de comunicación, e forma parte da vida dunha grande maioría dos fogares.

O coñecemento da empresa constitúe un paso esencial para entender o funcionamento global de Economía. A materia pretende a reflexión sobre como responden as empresas aos desafíos actuais que se lles presentan, onde o factor clave da súa actividade reside na innovación.

A materia proporciónalle ao alumnado coñecementos económicos para entender a sociedade na que vive, trata de espertar o seu interese e promover, tras unha análise crítica, iniciativas dirixidas a actuar sobre a propia realidade. Así mesmo, pon a súa disposición ferramentas que lle permitan tomar decisións tanto individuais como colectivas, con repercusións económicas e financeiras de maneira razoada e responsable.
A formación en economía faise necesaria nun contexto globalizado no cal se están levando a cabo profundas transformacións, aceleradas pola incorporación das novas tecnoloxías a diferentes esferas da nosa vida. A dixitalización está a cambiar non só a estrutura produtiva global e a estrutura económica e financeira, senón tamén a propia sociedade no seu conxunto. Canto mellor entendamos o mundo no que vivimos, máis capaces seremos de tomar decisións que permitan mellorar a nosa vida e a nosa contorna.

Economía e Emprendemento está exposta como materia opcional en cuarto curso da educación secundaria obrigatoria e persegue dúas finalidades: por unha banda, que o alumnado conte cunha educación económica e financeira para desenvolverse, asumir riscos de maneira responsable na súa vida cotiá e xestionar e levar á acción de maneira viable proxectos vitais, profesionais e empresariais, se así o desexa; por outra, que o alumnado busque solucións innovadoras e valiosas para afrontar os retos propostos, a través de estratexias de xestión do coñecemento, do autocoñecemento e da colaboración cos demais.
Os criterios de avaliación establecidos van dirixidos a comprobar o grao de adquisición dos obxectivos da materia, isto é, o nivel de desempeño cognitivo, instrumental e actitudinal que poida ser aplicado en situacións ou actividades do ámbito persoal, social e académico cunha futura proxección profesional.