É unha novela de referencia para a narrativa feminista en Galicia porque trata o tema da opresión da muller baixo o franquismo. É unha das poucas novelas que aborda a época do franquismo dende unha autoría feminina. Para moitos críticos, o peso da ideoloxía nesta novela é excesivo, o que fai que en moitos momentos se aproxime á prosa ensaística.
Está protagonizada por tres mulleres: Margot, Alma e Chelo, cuxas vidas teñen en común que se viron truncadas pola sublevación militar de 1936. De Margot cóntase a relación que mantivo con seu tío Chinto, lonxe de todas as convencións sociais timoratas e apoucadas da época, a través dun amor romántico, á vez que paixonal.
Alma tamén coñece por primeira vez o amor durante a segunda República, a través de Ubaldo, mais neste caso conéctanse a paixón coa militancia política e social. Esta relación terá un final tráxico.
Chelo, por último, desenvolve unha historia de amor a seu pai, un idealista, intelectual que é fusilado polo bando nacional. Anos máis tarde Chelo casa cun falanxista, mais a idea de que o seu marido puido ser un dos que matou a seu pai, que ela mesma está no bando dos que mataron a seu pai, faina tolear.