Esta corrente literaria está integrada por escritores e escritoras que publican a súa obra dende a década dos 50 até a dos 70 do século XX. Toman o nome do Nouveau Roman, movemento renovador da literatura xurdido en Francia nos anos 50. Nalgún momento das súas extensas producións literarias, poden adscribirse a esta corrente autores e autoras como Xosé Luís Méndez Ferrín, Carlos Casares, Xohana Torres, Xohán Casal, Gonzalo Rodríguez Mourullo ou a propia María Xosé Queizán.
Características principais
Visión desacougante da realidade
Contidos filosóficos e simbólicos
Personaxes sen caracterización psicolóxica, moitas veces sen nome
Realidade conflitiva nunha sociedade violenta e angustiosa
Presenza reiterada da violencia e da agresividade
Ás veces presentan mundos imaxinarios, simbólicos e/ou absurdos
Certa preocupación polas problemáticas sociais: emigración, deshumanización das cidades
A obra de María Xosé Queizán que mellor se insire nesta corrente literaria é A orella no buraco (1965), aínda que en Amor de tango tamén se perciben algunhas das características desta escola como o multiperspectivismo (voces narradoras dende varios puntos de vista), o monólogo interior, ruptura da linearidade temporal (flash-back), intertextualidade (presenza doutras artes: cinema, pintura, cómic...).