Arantza Portabales

É unha das escritoras galegas actuais con maior recoñecemento tanto de crítica coma de público. As súas novelas publicadas cóntanse por éxitos e a súa carreira neste momento parece non ter límites.

Fernando Pazos García. Captura de vídeo De letras e galegas (CC BY-NC-SA)

Un dos puntos que máis chaman a atención na biografía de Arantza Portabales é o feito de ter nacido no País Vasco, en Donostia, e dedicarse á literatura escrita en galego. Filla de emigrantes galegos, naceu naquela cidade no ano 1973 e non veu para Galicia de xeito definitivo até que tivo 12 anos. Aínda así mantén un contacto moi estreito con San Sebastián onde comezou os estudos universitarios e mantén aínda moitos amigos.

1

A súa primeira obra publicada está en castelán: A Celeste la compré en un rastrillo (2015). Dese mesmo ano é Sobrevivindo, co que resultou vencedora do XV Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia.

2

A súa segunda novela en galego, Deixe a súa mensaxe despois do sinal (2017) foi finalista do Premio San Clemente e do Premio Novela Europea Casino de Santiago. Tivo unha magnífica acollida e foi traducida a varios idiomas: castelán, italiano, hebreo e alemán. Tamén foi levada ao teatro pola Compañía Tanttaka.

3

Entre 2019 e 2021 publicou Beleza vermella e A vida secreta de Úrsula Bas, dúas novelas de ambiente policial sendo a segunda unha continuación de tramas e personaxes da primeira.

En 2020 sacara do prelo un libro de relatos, Historias de mentes, baixo o selo da Editorial Bululú.

A actividade editorial de Arantza Portabales tardou en iniciarse mais logo colleu pulo, publicando case un título por ano. Mais o importante da súa traxectoria non é tanto o número de novelas e relatos que escribe senón a calidade que atesouran, o que se ve reflectido no gran éxito de vendas e de tradución.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0