1.2. Como empezamos a traballar en equipos cooperativos
Seguindo a Pujolás (2010), para implantar a aprendizaxe cooperativo na aula, seguiremos tres ámbitos de intervención, baseándonos no Programa CA/AC (Cooperar para Aprender / Aprender a Cooperar).
a) Ámbito de intervención A: cohesión de grupo. Inclúe todas as actuacións relacionadas coa cohesión de grupo, para conseguir que, pouco a pouco, o alumnado tome conciencia de grupo. Sobre este ámbito hai que incidir constantemente. A cohesión do grupo-clase e un clima de aula favorable á aprendizaxe é unha condición absolutamente necesaria, aínda que non suficiente, para poder aplicar unha estrutura cooperativa.
b) Ámbito de intervención B: o traballo en equipo como recurso. Abarca todas as actuacións caracterizadas pola utilización do traballo en equipo como recurso para ensinar, co fin de que o alumnado, traballando deste xeito, aprendan mellor os contidos escolares, porque se axudan uns a outros. É neste ámbito onde falamos de estruturas cooperativas, de xeito que o traballo en equipo chegue a ser un recurso cada vez máis utilizado polo profesorado para desenvolver o currículo. O paso ao ámbito de intervención B supón, na práctica, deixar de estruturar a actividade do alumnado dentro da clase de forma individual e estruturar, cada vez máis, as actividades de forma cooperativa, é dicir, utilizando algunha estrutura ou técnica cooperativa.
c) Ámbito de intervención C: o traballo en equipo como contido. Partindo da base de que, ademais dun recurso para ensinar, o traballo en equipo é un contido a ensinar, a proposta de Pujolás, inclúe actuacións encamiñadas a ensinar ao alumnado, dun xeito explícito e sistemático, a traballar en equipo.
Estes ámbitos de intervención están estreitamente relacionados, non se traballan de xeito illado, senón que hai que traballalos de xeito continuado e simultáneo. Para empezar a traballar, podemos empezar con actividades de cohesión de grupo (ámbito A), logo practicamos as estruturas cooperativas (ámbito B) e finalmente ensinamos ao noso alumnado a traballar en equipo, mediante proxectos de investigación (ámbito C). Chegados a este punto, xa estaremos traballando nos tres ámbitos de forma simultánea, pero sempre debemos estar atentos a que se traballen os 3 ámbitos, avaliando os procesos e regulando as actuacións en función das necesidades e dos baleiros observados.