1.3.3. A lectura de hipertextos
García (2008, p. 23) sinala que ademais, os documentos da rede teñen a característica do hipertexto, documentos que poden bifurcarse ou executarse cando o solicitamos. Un sistema en que texto, voz, imaxes e vídeo poden interactuar co usuario. Polo tanto, cando navego pola rede estou creando un documento novo, persoal, orixinal, a partir dos vínculos, hipervínculos, que vou seleccionando.
O hipertexto é un texto composto de fragmentos de texto e as ligazóns que os conectan entre si. O hipertexto obriga a construír o texto que un le; non liña a liña, parágrafo a parágrafo, senón fragmento a fragmento; saltando dunha ligazón a outra, que cada un vai escollendo, omitindo,…
Segundo Zayas (2010, en Leer.es), “os medios de comunicación e os textos dispoñibles na rede teñen unhas características que os diferencian notablemente dos tradicionais. (…) Na pantalla lemos sobre todo hipertextos, é dicir, unha serie de fragmentos textuais ligado entre si de maneira que as unidades poden lerse en distinto orde, permitindo así que os lectores accedan á información seguindo distintas rutas. Nesta definición do hipertexto procedente do programa PISA recóllense dúas importantes características desta clase de textos:
- A estruturación das información non lineal, senón arbórea ou reticular.
- A posibilidade de que o lector recorra o texto seguindo itinerarios diferentes segundo a finalidade da lectura.
Estamos pois ante un modo de ler profundamente diferente do que demanda o texto lineal, xa que o lector:
- Ten que establecer claramente os obxectivos da lectura para poder trazar, a partir deles, uns itinerarios específicos
- Ha de identificar, coa axuda das súas experiencias previas, as guías que se lle proporcionan para a navegación:
.- Os menús, situados na barra de navegación da parte superior ou na barra lateral
.- A árbore ou mapa de contidos que moitas web incorporan
.- As iconas que indican tipos de contidos, accións que se han de realizar,…
.- Os buscadores internos
- Han de recoñecer as ligazóns que os levan aos espazos destinados á participación dos lectores (foros, comentarios ás noticias, posibilidade de imprimir textos,…)”
A lectura de hipertextos pode desconcertar ao lector e facer que perdan a pista do que se estaba a ler, por iso é fundamental aprender a identificar as pistas que nos da o texto.
Na Unidade Didáctica 3, xa falamos dos buscadores para mellorar o proceso de busca na rede.