1.3. Elección dos temas e subtemas
Como estamos nunha materia na que o importante é o proceso que seguimos para investigar sobre un tema e non o tema en si mesmo, a elección do tema que imos investigar correrá a cargo do alumnado. Isto facilitará que se sinta partícipe do proceso e que investigue sobre un tema que foi consensuado por toda a clase. Pero o profesorado ha de guiar este proceso e acurtalo ou alongalo segundo sexa necesario. Aínda que o proceso sexa moi participativo o profesorado ha de guiar claramente ao alumnado e evitar que se prolongue en exceso o tempo dedicado a este apartado.En especial, cando se fan as dinámicas coas estruturas cooperativas hai que marcar moi ben os tempos, e evitar discusións que non levan a ningunha parte.
O profesor/a explica á clase que van escoller un tema para realizar unha investigación. Explicaralles brevemente como vai ser a investigación e indicaralles que deben pensar nun tema sobre o que queiran pescudar algo, que lles suscite curiosidade. O tema deberá ser suficientemente amplo como para poder dividilo en subtemas, en partes.
|
ELECCIÓN DE TEMA E SUBTEMAS
1º.- Cada equipo, seguindo a estrutura 1-2-4, proporá como máximo 3 temas.
2º.- Cando todos os equipos teñan os seus 3 temas, o voceiro de cada equipo, comunicarallos ao grupo-clase. O profesor irá anotándoos na pizarra. Si algún tema sae repetido, xa non se anota. Tamén poderemos eliminar temas que están incluídos dentro de outros, ou agrupar temas nun máis amplo.
3º.- Cando teñamos na pizarra a listaxe con todas as achegas, volvemos ao equipo e cada un debe escoller 3 temas da lista e ordenalos por orde de preferencia. Concederán 3 puntos ao tema que escollen en 1º lugar, 2 puntos ao que escollen en 2º lugar e 1 punto ao que escollen en 3º lugar. Para facer esta listaxe de 3 temas o alumnado deberá pensar en tres aspectos: importancia e posibilidade de realización. Seguirán de novo a estrutura 1-2-4.
4º.- De novo, o voceiro exporá a súa proposta ao grupo-clase. Dirá o tema cos puntos concedidos. Sumaremos os puntos de cada tema, e escollerase o tema con mais puntuación. |
Unha vez decidido o tema sobre o que se vai investigar ao longo do curso (por iso deberá ser suficientemente amplo), procederemos a preguntar que sabemos sobre ese tema, porque sobre iso xa non investigaremos. E logo preguntaremos que é o que queremos pescudar sobre o tema, que é o que non sabemos.
Para a identificación dos aspectos do tema sobre os que queremos investigar, procederemos dunha maneira similar á elección do tema, pero o profesor debe ser consciente de que se deben establecer tantos subtemas como equipos temos na clase. Cada equipo investigará sobre un aspecto do tema e así entre todos comporemos un mosaico. É importante resaltar que o tema que escollamos debe ser o suficientemente amplo como para dividilo en subtemas que poidan ser investigados ao longo de todo o curso.
Cando teñamos unha listaxe dos subtemas (tantos como equipos), para decidir que equipo investiga sobre que, reuniremos aos secretarios/as de cada equipo e tomaremos unha decisión consensuada. Quedarán repartidos os temas da investigación.
Tamén podería permitirse que cada equipo investigase sobre un tema completamente diferente, pero pensamos que é mellor un mesmo gran tema, con subtemas, porque á hora de comunicar o resultado da investigación todos estaremos centrados no mesmo. Pero é certo, que con este sistema deberemos coidar que uns equipos non se pisen a outros para o que hai que delimitar moi claramente o obxecto e os límites da investigación de cada equipo.
Pensemos que o tema pode ser un tema de actualidade, un tema do contorno (a elección dun tema deste tipo posibilitaríanos que recorrésemos ás fontes orais para a recompilación de información), un tema de interese do centro…Por iso é moi importante en todo este proceso o papel do profesorado como guía e facilitador, apuntando ideas, perfilándoas, concretándoas… A elección dun tema do contorno próximo, facilita moito a participación das familias e da comunidade no proceso de investigación:
→ poden aportar información
→ poden facerse entrevistas
→ poden facerse saídas facilmente para buscar información in situ
Pero en calquera tema, é importante solicitar a colaboración das familias e procurar implicar á comunidade educativa, aínda que pareza un tema moi afastado da comunidade.