Rexistramos a información.
Toda a información que vaiamos "pescando" ou "cazando", seguindo os nosos criterios de busca, temas, conceptos e palabras clave, etcétera; rexistrarémola para poder recuperala máis adiante e poder segir traballando nas seguintes fases do noso proxecto.
Un consello
Cando traballemos nunha das fases do proxecto, nas funcións que nos tocan, sería interesante ter en conta o concepto do que nas empresas chaman "cliente interno". Este non é máis que un compañeiro que vai aproveitar o traballo que eu fago para realizar o seu. Os nosos "clientes internos" son os compañeiros de grupo. Cando rexistremos a información non pensemos que imos ser nós os que a vaiamos recuperar máis adiante. Pensemos sempre que un terceiro terá que acudir ao que teñamos escrito e traballar con ese material. Cánto máis nos esmeremos en deixalo todo claro e ben rexistrado, máis posibilidades teremos de éxito no proxecto.
En primeiro lugar deberemos anotar no diario de traballo, máis abaixo aparece un modelo de documento, toda a información seleccionada. Hai que dicir que antes habería que ser coidadoso na organización do propio arquivo. E neste aspecto o máis práctico son os arquivos dixitais, e unha organización en carpetas compartidas. Incluiremos a documentación, as fontes dixitais, os extractos, imaxes, sons,... No modelo temos campos para indicar a fonte orixe, adxudicarlle un número de rexistro e a localización que, de ser o caso, consiste nunha ruta ou ligazón, sempre que se poida cunha hiperligazón que nos leve directamente ao documento.
Pero rexistraremos tamén os nosos apuntamentos: resumos (redacción breve das ideas centrais do texto), paráfrases (explicación coa nosa escrita dalgunha idea ou concepto), citas (fragmentos copiados directamente) e notas varias (valoracións, gráficos, mapas mentais,...). Tamén podemos ter material multimedia, documentos orixinais, ...
En todo caso, debe estar todo perfectamente localizable para recuperalo cando toque, e un rexistro deste tipo é o máis cómodo.
Resumo
É unha redacción condensada de forma abreviada coas ideas principais dun tema, un texto, un apartado,..
Paráfrase
É un texto explicativo dunha idea ou concepto que aparece na fonte, redactado cunha linguaxe propia e sen reproducir demasiadas palabras seguidas do texto orixinal.
Cita
Texto que reproduce as palabras exactas que veñen nunha determinada fonte.
Na seguinte páxina da Universidade Nacional Autónoma de México explícase claramente con exemplos o que son e como se traballa cos resumos, paráfrases e citas.
Para anotar a información seleccionada (fontes directas arquivadas ou produción propia), podemos empregar no diario un modelo como o que aparece na seguinte imaxe. Máis abaixo podes descargar o arquivo do modelo en formato pdf ou odt.
Podes descargar o arquivo nas seguintes ligazóns:
Acceso ao arquivo co modelo de documento 3.1.-C- Selección da información en formato pdf.
Acceso ao arquivo co modelo de documento 3.1.-C- Selección da información en formato odt.
As citas e paráfrases pódense incluír en táboas-ficha como a que se presenta a continuación. Máis abaixo podes descargar o modelo.
Podes descargar o arquivo nas seguintes ligazóns:
Acceso ao arquivo co modelo de documento 3.1.-D- Fichas de rexistro da información en formato pdf.
Acceso ao arquivo co modelo de documento 3.1.-D- Fichas de rexistro da información en formato odt.