Que require e que nos achega un proxecto?
Inversión e beneficio no traballo con proxectos. Manuel Torres Búa. Licenza: Creative Commons BY-SA.
Como podes ver na imaxe para traballar nun proxecto, ou mediante proxectos, son necesarios unha serie de compromisos. Non se trata do que xa saibas facer ou dos teus coñecementos, ou da túa soltura coas TIC. Todo iso é importante e forma parte da túa base persoal de traballo. Pero o que realmente é necesario é que o queiras.
Cando inicias un proxecto, para que funcione, tes que comprometerche con el. É unha especie de contrato no que expós aos demais, sobre todo aos teus compañeiros de grupo, que coñeces que é o que se che pide e estás disposto a apoiar o proxecto. O demais vén a partir de aquí: momentos bos, momentos de frustración e atasco, momentos moi divertidos, outros atafegantes,… pero cando avalíes o resultado final do proxecto, o produto, o traballo en grupo, etcétera; podes reflexionar tamén sobre o que te levas, sobre as habilidades que adquiriches para enfrontarte a outros proxectos, no centro, fóra, na túa vida persoal; e sobre a túa capacidade para resolver problemas.