1.3.2. Como e onde gardar os favoritos
Tradicionalmente, os documentos que por algunha razón se querían gardar como favoritos víñanse almacenando e clasificando mediante a pestana “favoritos” ou “marcadores” do navegador.
Pero este sistema ten algunhas limitacións importantes:
- As ligazóns gárdanse no equipo, polo que, cando cambiamos de ordenador, non podemos ter acceso a eles.
- Ademais, cando os nosos favoritos se multiplican, a clasificación en carpetas convértese nunha operación moi complicada, pois hai que reestruturar o criterio de clasificación, e ás veces un mesmo enlace cabería asignalo a varias categorías.
- As ligazóns así almacenadas solo están dispoñibles para quen as gardou, de modo que ninguén máis pode beneficiarse do seleccionado por outros usuarios.
Dun modo diferentes, os servizos de marcadores sociais (Delicious, Diigo, Mr. Wong,…) desempeñan esta tripla función:
- Reunir as ligazóns favoritas nunha web á que se pode acceder desde calquera ordenador
- Describir e clasificar a información dun modo moi flexible, mediante a asignación de varias etiquetas (tags) a un mesmo documento, o que permitirá a súa recuperación posterior segundo diversas necesidades
- Poñer en común a información, pois outros usuarios poden consultar as ligazóns, ás que chegarán mediante buscas por etiquetas.
Aquí podemos ver as diferenzas entre as dúas maneiras de gardar as ligazóns (baseado en Zayas, 2010, p. 113):
A busca, clasificación, arquivo e recuperación da información é sumamente fácil co uso de marcadores sociais:
- A clasificación mediante etiquetas e o arquivo dos propios favoritos realízase dende a barra de ferramentas do navegador, onde se terán instalados os botóns necesarios dende o servizo de marcadores sociais.
- Recupéranse os nosos propios favoritos ou se busca información seleccionada e gardada por outros usando etiquetas e filtrando, mediante etiquetas relacionadas, os documentos obtidos na busca.
O uso de etiquetas tense convertido nunha característica dos sitios de aloxamento de contidos por parte dos usuarios (Youtube, Flickr, Slideshare,…) Para que o noso alumnado sexa lector competente teñen que estar familiarizados con este modo de xestionar a información e co uso de ferramentas que lles permitan buscar, seleccionar, arquivar e recuperar a información dun modo eficiente.