1.1. Da busca de información á lectura crítica

Na Unidade Didáctica 3, vimos como a información se presenta en diferentes formatos e en diferentes soportes.  Agora imos ver como analizamos, interpretamos e transformamos esa información para construír coñecemento.

Este análise empeza sempre pola lectura.

Como sinala CASSANY (2010, leer.es), no mundo actual lemos en situacións novas, con outros formatos e outros xéneros discursivos.  Seguimos lendo libros, revistas e folletos, pero tamén chateamos por Messenger, enviamos SMS co móbil, participamos en foros e wikis en internet, compramos un billete de avión nunha web… Ler é máis diverso e cada situación, formato e texto crean as súas propias particularidades.

Lemos textos multimodais que combinan diversidade de códigos: imaxes, vídeos e esquemas virtuais. A portada dun periódico electrónico inclúe vínculos, fotografías e vídeos, e incluso gráficos interactivos; a interfaz dunha rede social inclúe con iconas, cores, sons e imaxes as utilidades dispoñibles.

Lemos textos procedentes de calquera parte do planeta, grazas a internet; feitos coa perspectiva doutras culturas, relixións e ideoloxías; grazas a internet todos podemos difundir as nosas opinións.  Isto é moi positivo, pero tamén implica que temos que volvernos mais cautos, para distinguir o gran da palla.  Ler é agora moito máis estratéxico que antes.

Segundo SOLÉ (2010, p.22), podemos axudar ao alumnado a ler sabendo que e por que len e como interactuar co texto para comprendelo, en función dos propósitos que guían a lectura. Tamén podemos axudar ao alumnado a que aprendan estratexias que favorezan a comprensión, sabendo que a comprensión está en función do texto, da súa estrutura, do seu contido, da claridade e coherencia, tamén dos nosos coñecementos previos e disposición,…

ZAYAS (2011, en leer.es), pon de manifesto esta diversidade textual neste gráfico que interpreta as clases de texto segundo PISA.

OBXECTOS
ZAYAS, 2011, en leer.es

A lectura crítica vai mais alá da lectura comprensiva, parte dela, pero parte da non neutralidade dos textos;   e trata de analizar a intencionalidade do autor.

Esta lectura permitirá cuestionar o noso coñecemento, transformalo e crear coñecemento novo. Sería pasar da información ao coñecemento.  Na sociedade da información o reto é transformar esta en coñecemento.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0