1.3. Publicación de contidos propios na WEB

A rede xa non é só utilizada para buscar información, como unha grande biblioteca, senón que dende a irrupción da web 2.0 a rede podemos usala para compartir coñecemento, información, opinións e intereses.  Por iso, debemos fomentar que o alumnado comparte o coñecemento que produce na rede, ensinándolles tamén os dereitos que teñen como autores de coñecemento.

a)  Os foros: son espazos virtuais onde os usuarios que comparten afeccións e intereses debaten e intercambian opinións, información.

Zayas (2010, p. 116) indica que a participación nun foro esixe coñecer as regras que rexen os intercambios; o moderador encárgase de velar por que se cumpran esas regras.  E cita a Laura Gallego para indicar como debe ser a participación nun foro:

  • O foro diferénciase do chat en que a comunicación non é sincrónica  (ao mesmo tempo); isto da tempo aos participantes no foro a planificar os seus textos e redactalos de forma apropiada e correcta.
  • No foro hai que aterse á temática xeral e aos temas abertos.
  • Existen unhas normas de uso dos foros que teñen como finalidade que os usuarios poidan satisfacer os seus obxectivos.

            A participación do alumnado en foros fomenta a cooperatividade da aprendizaxe. Nas Aulas Virtuais tamén se incorporan foros, para que os usuarios poidan introducir dúbidas, suxestións,…

b)  Os blogs: son un tipo de sitios web persoais de gran facilidade de publicación de contidos, por iso, é unha das ferramentas mais usadas no ensino para publicar contidos.

O blog é xestionado polo profesor ou por este e o seu alumnado, independentemente da institución, para compartir coa comunidade educativa un proxecto, o día a día da clase, un tema concreto,…

Cada artigo que se escribe nun blog, chámase entrada; a esta poden facérselle comentarios polos lectores do blog.

Segundo Zayas (2010, p.117), a escritura e a conversa nos blogs ten unha dimensión pública polo que require dunha normas que regule os intercambios:

  • Respecto e cortesía cara os lectores e membros da blogosfera
  • Normas relativas aos contidos producidos por outros e que incorporamos ao blog:  procedementos de citación, inserción de hipervínculos cos blogs dos que se toman os contidos, hipermedia,…
  • Normas lingüísticas para o uso correcto e adecuado da lingua.

Seguindo de novo a Zayas (2010, p. 118), véñense difundindo unhas pautas para a composición de artigos ou post que, si se xeneralizan, poden tomarse como características distintivos dun novo xénero textual:

PAUTAS BLOG

c)     Os wikis: son sitios web compostos por varias páxinas que poden ser editadas polos usuarios para colaborar na súa edición.  Unha das súas características máis importantes é a participación simultánea de diversos autores na construción e na elaboración de contidos, sen ter coñecemento algún de programación informática.

A diferenza do blog que usa un estilo informal, o wiki require un nivel de formalidade alto, cun vocabulario específico do tema; o wiki serve de soporte á expresión escrita mentres que o blog serve de soporte á expresión oral.

O wiki supón o uso do hipertexto: uso de índices e sumarios e de enlaces internos e externos.

O wiki pode ser usado para escribir o informe do proxecto de maneira colaborativa. Isto esixe a planificación, a cooperación para que o resultado final sexa coherente.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0