1.2.2. Deseño de presentacións multimedia para o apoio á exposición oral.

a)    Presentación de diapositivas

As presentacións de diapositivas son unha forma de comunicar e transmitir ideas a un público.  Unha presentación é un conxunto de imaxes que poden ir acompañadas de texto, gráficos, vídeos,… Estas imaxes móstranse en forma de diapositivas.

Na actualidade hai moitas ferramentas informáticas que permiten elaborar presentacións de diapositivas e tamén aplicacións informáticas que permiten compartilas na rede.

PAUTA PRESENTACIÓNS

b)    Os murais ou paneis dixitais

Os murais ou paneis dixitais son documentos mixtos realizados en soporte electrónico que combinan o texto coa información gráfica,  audiovisual e hipertextual, predominando estas últimas sobre o texto.  Algunhas das súas características son:

  • Axudan a construír coñecemento xa que debemos ser quen de presentar unha nova estrutura coa información extraída na busca de información.
  • Obrigan a condensar as ideas ao máximo e a poñer só o esencial.
  • É unha ferramenta idónea para o traballo cooperativo, porque hai que poñer en marcha moitas habilidades (resumir, esquematizar, seleccionar imaxes e vídeos,…); traballando en equipo se acadarán mellores resultados, porque cada un aportará o mellor de si e entre todos compensarán as dificultades.
  • Teñen un compoñente artístico e estético, fomentan a creatividade.

Hoxe en día hai ferramentas informáticas para a elaboración de paneis ou murais que, ademais, permiten compartir na rede o coñecemento.  Podemos insertar un panel dixital nun blog, nunha páxina web,…

Á hora de ensinar ao alumnado a utilizar estas ferramentas,  sería bo que tivesen en conta as seguintes consideracións á hora de realizar un panel:

PAUTAS PANEL

c)    Fotografía.

O uso de fotografías nos informes e presentacións é do máis común.  Hai que ter en conta que:

  • A fotografía podemos obtela nós mesmos cunha cámara dixital, móbil, tablet,…  Logo poderemos editala, gardala, compartila e inxerila nun documento de texto, nunha presentación, nun panel dixital,…  Podemos subir as imaxes do alumnado a unha das aplicacións informáticas que existen e que nas que xa podemos licenciar as imaxes.
  • Tamén podemos usar os repositorios de fotografías que existen na web.  Entón debemos ter en conta os dereitos de autor.

d)   Creación e edición de vídeos

Os vídeos son unha ferramenta que pode usar o noso alumnado, tanto para ilustrar, buscando vídeos nos repositorios correspondentes, como creando os seus propios vídeos para presentar os resultados dun proxecto de investigación.

Tanto nun caso como noutro, hai multitude de ferramentas informáticas.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0