1.1.3. A lectura e as diferentes formas de aproximarse a un texto
Imos partir dun modelo interactivo da lectura, entendendo que ler é a interacción entre o texto e o lector. Ler non é só comprender o que di a literalidade do texto, descodificar os signos, nin é solo establecer relacións entre as ideas do texto, ler é unha interacción entre os coñecementos previos do lector e a información que provén do texto, así como a reelaboración que vai facendo o lector a medida que le.
Como recolle SANZ (2003, p. 13), os modelos interactivos de lectura caracterízanse polas seguintes características:
- O lector é recoñecido como un suxeito activo no proceso lector.
- O lector, no acto da comprensión textual, conta tanto con información visual como non visual
- As hipóteses que o lector vai verificando conforme avanza na lectura desempeñan un papel moi importante na comprensión. O mesmo podería dicirse dos procesos inferenciais que o lector realiza a partir da información textual.
- Existen diversos niveis de achegamento á estrutura semántica textual, segundo as expectativas, motivacións e obxectivos que se marca o lector.
- Canto máis se automaticen os procesos básicos, perceptivos e descodificación, máis recursos cognitivos e de atención libera o suxeito para a comprensión semántica do texto.
- A comprensión non é un proceso estritamente lineal e secuencial, senón que os niveis superiores condicionan tamén os máis básicos.
- A lectura é un proceso de busca progresiva do significado dun texto. Danse distintos graos de comprensión e é difícil falar tanto dunha comprensión nula como dunha comprensión total.
Realizamos distintos tipos de lectura segundo o obxectivo que teñamos: